unnamed

PP e PGD alcanzan un acordo para aportar "maior estabilidade" ao goberno de Padrón

O Partido Popular e o Partido Galeguista Demócrata veñen de alcanzar un acordo de goberno para dirixir e xestionar xuntos o Concello de Padrón no que resta de mandato, aportándolle ao executivo local "maior estabilidade" e posibilitando que a acción de goberno sexa "máis áxil, resolutiva e eficaz á hora de abordar os retos pendentes".

O peche do acordo foi anunciado esta mañá polo alcalde, Antonio Fernández Angueira, tras reunirse -xunto co concelleiro José Ramón Pardo- cos dous edís do PGD, Ángel Rodríguez Conde e Javier Guillán. Segundo explicou o rexedor, desde que as bases do PGD autorizaron a negociación co PP, "houbo reunións practicamente todos os días e por iso foi posible acadar un acordo tan rápido". "Cando hai vontade real e cando as dúas partes que negocian pensan máis nos intereses xerais dos padroneses que nos individuais é moi sinxelo buscar puntos de encontro. Neste caso, foi moi doada a negociación co PGD porque coñecémonos perfectamente e eles presentaron propostas sensatas que tamén compartimos desde o goberno", indicou o alcalde.

Tras avanzar que xa se está a redactar o documento definitivo do acordo de goberno e que a sinatura formal terá lugar o sábado ás 18.30 horas no consistorio, Fernández Angueira precisou que dito documento recollerá diversos compromisos concretos para comezar a desenvolver durante os primeiros tres meses, como son os seguintes: iniciar a elaboración duns novos orzamentos municipais, comezar a redactar unha Relación de Postos de Traballo (RPT), revisar e actualizar a contratación dalgúns servizos externalizados, impulsar a transparencia das actuacións do goberno, poñer en marcha accións de dinamización específicas para as zonas do centro urbano afectadas pola peonalización, elaborar un Plan de Revitalización do Mercado Dominical e extremar o control sobre o gasto público cos provedores do Concello.

"No PGD sentímonos plenamente representados e satisfeitos co contido deste acordo, posto que recolle de forma explícita a práctica totalidade das promesas que levabamos no programa electoral e que tamén puxemos enriba da mesa cando se estaba a negociar unha alternativa de goberno. Nós somos coherentes e seguimos defendendo o mesmo que sempre, agás que agora ímolo facer desde dentro, asumindo responsabilidades nun goberno máis plural e traballando de forma coordinada co PP", afirmou Ángel Rodríguez Conde.

En canto ao reparto desas responsabilidades, o acordo establece que os dous edís do PGD pasarán a formar parte da Xunta de Goberno Local e dirixirán áreas específicas. Así, Ángel Rodríguez Conde será concelleiro de Servizos Sociais (excluíndo os servizos vinculados á Terceira Idade, Igualdade e Muller), Saúde Pública, Emerxencias, Persoal e Festexos. Pola súa parte, Javier Guillán será concelleiro de Servizos Básicos (alumeado público e xestión enerxética, abastecemento e saneamento de augas, limpeza viaria e recollida de residuos sólidos urbanos) e xestionará a praza de abastos, o mercado dominical e a venda ambulante.

Os demais compoñentes do goberno seguirán sendo, xunto con Antonio Fernández Angueira, os populares José Ramón Pardo (Urbanismo, Vivenda e Solo, Vías e Obras e Parques e Xardíns), Lorensa Couso (Cultura, Política Lingüística, Turismo, Comercio, Casco Histórico, Xuventude e Voluntariado, Igualdade e Muller, Información e Comunicación), Andrés Sanmarco (Deportes e Emprego) e Francisco García (Educación e Terceira Idade).

En relación con esta redistribución de responsabilidades, o alcalde considera que "este goberno máis plural representa a vontade da ampla maioría dos padroneses e afronta cunha ilusión renovada esta nova etapa de traballo conxunto, baseado na coordinación, no diálogo, no consenso, na lealdade e no respecto mutuo".

Por último, Fernández Angueira indicou que no marco do proceso de negociación el mesmo propuxo que Ángel Rodríguez pase a asumir a primeira tenencia de alcaldía, sendo José Ramón Pardo o segundo tenente de alcalde e Lorena Couso a terceira tenente de alcalde. Ademais, o rexedor explicou que os dous concelleiros do PGD recibirán polo seu traballo e adicación unha retribución bruta anual de 9.500 euros. "Quero deixar claro que en ningún momento da negociación nin Ángel Rodríguez nin Javier Guillán puxeron enriba da mesa ningunha demanda económica persoal, pero, xa que como alcalde voulles esixir tanto ou máis que a calquera outro concelleiro, considero axeitado que se lles retribúa ese traballo. E non teño ningunha dúbida de que o balance final será positivo para o pobo de Padrón", argumentou.

Deja una Respuesta