IMG_0951

PP e PGD garanten diálogo e traballo para que o pacto supere as expectativas xeradas

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o voceiro do Partido Galeguista Demócrata (PGD), Ángel Rodríguez Conde, asinaron hoxe ás 18.30 horas nas dependencias da casa consistorial o acordo de gobernabilidade polo que os dous edís do PGD se incorporarán ao executivo local ata finais do mandato para "aportar estabilidade e darlle un novo pulo á acción de goberno".

Arroupados polo presidente provincial do PP, Diego Calvo, por outros compañeiros do goberno popular e das bases do PGD, tanto Fernández Angueira como Rodríguez Conde destacaron que a finalidade deste acordo é ofrecerlle aos padroneses "unha resposta máis áxil e eficaz aos seus problemas e demandas, adoptando as decisións desde unha maioría suficiente que permitirá gobernar con firmeza, pero sen abandoar a negociación con outras forzas políticas, algo que caracterizou ao goberno en minoría". Neste senso, comprometeron "diálogo e traballo" para que o pacto "supere as expectativas xeradas e o seu balance dentro de dous anos sexa percibido como moi positivo polo conxunto dos cidadáns de Padrón".

O alcalde padronés referiuse tamén á experiencia de goberno conxunto co PGD no anterior mandato subliñando que "nesta ocasión as circunstancias son diferentes e incluso as persoas maduramos, aprendemos dos erros e sabemos que non se van repetir de novo". Así, garantíu que os edís do PP e do PGD funcionarán "como un equipo único, cohesionado e coordinado, que afrontará desde o minuto un os compromisos adquiridos e os importantes retos que Padrón ten pendentes".

En liñas xerais, o acordo de gobernabilidade establece entre os compromisos programáticos ineludibles o inicio da elaboración duns novos orzamentos, a revisión e actualización da contratación dalgúns servizos externalizados, a redacción dunha nova Relación de Postos de Traballo (RPT), unha maior transparencia e divulgación da acción de goberno, a posta en marcha de accións de dinamización específicas para as zonas do centro urbano afectadas pola peonalización, o desenvolvemento dun Plan de Revitalización do Mercado Dominical e o control do gasto corrente cos provedores do concello.

En relación con estas xestións a impulsar nos primeiros tres meses de traballo conxunto, Ángel Rodríguez Conde agradeceu que "o alcalde, desde que se iniciaron as negociacións, asumira como propios os compromisos programáticos do PGD", o que, na súa opinión, "acelerou moitísimo as conversas e facía imposible que atopara unha negativa por resposta". "Os obxectivos do PGD hai dous meses e hoxe son os mesmos: cambiar e mellorar algúns detalles da xestión municipal. A nós non nos movía ningunha xenreira nin animadversión persoal contra ninguén, senón que o único que nos preocupa é mellorar Padrón. E hoxe estamos en disposición de facelo desde dentro, asumindo responsabilidades e garantíndolle ao alcalde que, ademais de estabilidade, o goberno do PP gaña un socio leal, crítico-construtivo e disposto a traballar arreo para que este pacto supere as expectativas xeradas", enfatizou o voceiro do PGD.

Pola súa parte, Fernández Angueira aproveitou a súa intervención para lanzarlle unha mensaxe á poboación padronesa en xeral: "pídolles que nesta nova etapa sexan aínda máis esixentes con nós e que aproveiten a fortaleza deste novo goberno, porque traballaremos desde hoxe mesmo para estar á altura".

En canto á distribución de responsabilidades, como xa se adiantou ao longo da semana, o acordo de gobernabilidade establece que Ángel Rodríguez Conde, que pasa a ser primeiro teniente de alcalde, incorporarase á Xunta de Goberno Local xunto co seu compañeiro do PGD Javier Guillán, o alcalde e os edís populares José Ramón Pardo e Lorena Couso -estes dous últimos serán segundo e terceira teniente de alcalde, respectivamente-.

Respecto á reorganización de competencias, o acordo establece que Ángel Rodríguez Conde será concelleiro de Servizos Sociais (excluíndo os servizos vinculados á Terceira Idade, Igualdade e Muller), Saúde Pública, Emerxencias, Persoal e Festexos. Pola súa parte, Javier Guillán será concelleiro de Servizos Básicos (alumeado público e xestión enerxética, abastecemento e saneamento de augas, limpeza viaria e recollida de residuos sólidos urbanos) e xestionará a praza de abastos, o mercado dominical e a venda ambulante.

Pola súa parte, José Ramón Pardo xestionará Urbanismo, Vivenda e Solo, Vías e Obras e Parques e Xardíns; Lorena Couso continuará coas áreas de Cultura, Política Lingüística, Turismo, Comercio, Casco Histórico, Xuventude e Voluntariado, Igualdade e Muller, Información e Comunicación; Andrés Sanmarco, con Deportes e Emprego; e Francisco García, con Educación e Terceira Idade.

Deja una Respuesta