Barcia002

Preguntan cal será o futuro do servizo de limpeza dos edificios de Santiago

O Grupo Municipal Popular presentará ao Pleno desta semana unha pregunta co fin de coñecer as previsións do Goberno de Martiño Noriega en relación co contrato para o servizo de limpeza dos edificios e dependencias do Concello de Santiago. Para os Populares, resulta imprescindible saber se está asegurada a continuidade na prestación deste servizo e cal será o futuro dos traballadores adscritos ao mesmo, posto que a derradeira prórroga remata no vindeiro mes de maio.

A normativa impide prolongar máis alá dos dous anos, polo que, a partir do 31 de maio, a empresa contratada non poderá continuar a prestar o servizo, de aí que o Grupo Popular Municipal manifeste a súa preocupación tanto polo futuro dos traballadores como polo propio servizo que se presta.

A prestación do servizo de limpeza dos edificios e dependencias do Concello de Santiago de Compostela foi adxudicado en maio de 2014, por un importe de 954.351 euros, que posteriormente se ampliou a 1.054.158 euros, e o período inicial, que venceu o pasado 31 de maio de 2016, incrementouse en dous anos máis.

Desde maio de 2016, a Xunta de Goberno local acordou un total de cinco prórrogas: a primeira por un período de tres meses, que vencería en agosto de 2016; a segunda, por outros tres meses, ata novembro de 2016; a terceira, por seis meses, ata maio de 2017; a cuarta, por outros seis meses, ata novembro de 2017; e a quinta, por outros seis meses, que rematan no vindeiro mes de maio.

Deja una Respuesta