c65f4fc8-7195-42ef-b54d-b547b3042d14

Preguntan por qué estivo escondido o proxecto da planta de reciclaxe case medio ano

O alcalde tivo riba da mesa o proxecto da planta de reciclaxe case medio ano e mantivo oculta a información. Os populares pregúntanse porqué se escondeu un asunto de tal magnitude e sensibilidade para a veciñanza durante este tempo e esixen unha convocatoria urxente da xunta de portavoces para darlle a mellor resposta aos teenses. Consideran que é un asunto que está “por riba das cores políticas” e lamentan que o bipartito queira politizalo cargando, como sempre, contra a Xunta.

Con data de rexistro do pasado 14 de decembro entraba no Concello de Teo o proxecto da planta de reciclaxe de Casalonga. Ante unha actuación de tamaño calado coas repercusións que pode ter para a cidadanía, a Alcaldía tiña que ter posto “luz e taquígrafos” ao respecto e ter informado á veciñanza e grupos de oposición dende o primeiro momento.

Sen embargo, no canto de ser así, Sisto actuou de forma oposta sen dar o máis mínimo detalle nin nos plenos celebrados nin convocando unha Xunta de portavoces, que sería o preceptivo.

Con esta forma de actuar, para os populares amosa un modus operandi “partidista e electorialista” nun claro afán de politizar a cuestión “cando o interese xeral da veciñanza debería estar moi por riba das cores políticas”. Para os populares, que tiveron que recorrer en varias ocasións á Valedora do Pobo debido á falta de transparencia do bipartito, o alcalde “reincide nun novo exercicio de escurantismo”.

Ao fío desta cuestión, denuncian non ter sido convidados á xuntanza informativa do pasado martes.

Os populares consideran inaceptable esta forma de proceder da Alcaldía e esixen a convocatoria inmediata da xunta de portavoces para analizar todos os datos e as mellores solucións en defensa da veciñanza.

José Manuel Guerra manifesta un “apoio sen fisuras” á veciñanza e explica que está e estará do seu lado. Pide “polo ben de todos que tanto PSOE coma Mareas de Teo deixen de pensar en clave electoral”.

 

Deja una Respuesta