IMG_0139

Presentan medidas para mellorar os barrios de San Lorenzo e Carmen de Abaixo

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, presentou, esta mañá, un paquete de “medidas de impulso e de mellora para os barrios de San Lourenzo e Carme de Abaixo”, en materia de ordenación e seguridade viaria, de control urbanístico, de mellora ambiental e de convivencia.

Trátase dunha zona que, a pesar da súa proximidade ao casco histórico e da súa consideración dentro do ámbito monumental, “non está integrada na malla urbana na cidade” e, en canto a servizos básicos, existen aínda moitas carencias, tal e como lle trasladou a Asociación Veciñal Río Sarela nunha recente visita ao barrio e posterior encontro. “Son moitas as demandas e necesidades que nos transmitiron, moitas delas asociadas ao rápido crecemento urbano e ás transformacións dos últimos anos, pero todas elas actuacións asumibles”, salientou Agustín Hernández.

O portavoz popular fixo especial fincapé nos problemas de mobilidade que hai no barrio. Neste senso, explicou que polos altos índices de tráfico –están próximos o Campus Sur, dous centros de ensino e as instalacións sanitarias do CHUS- é preciso que o concello leve a cabo: a instalación de pasos elevados, o cambio de bolardos nas rúas Poza de Bar e San Lourenzo, a regulación do aparcamento en horas coincidentes coa entrada e saída do alumnado e a retirada de dúas rochas colgantes na Corredoira dos Muíños que dificultan o tráfico.
Do mesmo xeito, Agustín Hernández referiuse a varias casas abandonadas e en moi mal estado, con risco de desprendemento ou caída de elementos. Existe, tamén, unha crecente preocupación polas ocupacións irregulares e ilegais, nas inmediacións da ponte Sarela e na zona traseira dunha importante instalación hoteleira. Tal e como denuncia a veciñanza, bótase en falta unha maior atención e vixilancia en materia de disciplina urbanística para evitar situacións de degradación ambiental. Sumado a isto, o portavoz popular referiuse a diversos problemas de convivencia, pola proliferación de ruídos nocturnos, pintadas, concentracións na carballeira e problemas de aparcamento en zonas non habilitadas, vinculados á actividade dunha sala de concertos.
A proposición tamén inclúe a retirada de varias columnas de ferro que atravesan distintas propiedades que noutrora soportaban o tendido electrónico.

Carballeira de San Lourenzo
O grupo popular tamén demanda unha “maior atención” para a Carballeira de San Lourenzo, a través de traballos de conservación e reposición con novos exemplares que garantan a vitalidade deste histórico e emblemático lugar. “Os veciños trasladáronnos unha práctica que nos últimos anos estase convertendo en habitual e que supón unha auténtica ameza para a carballeira: en determinadas épocas do ano, emprégase como aparcamento e como lugar de botellón”, subliñou Agustín Hernández.
“Cal é o posicionamento do alcalde con respecto a depuradora?”

Por outra banda, o portavoz popular volveu instar ao rexedor a que diga “cal é o seu posicionamento con respecto á depuradora”. “O alcalde –engadiu-, que avanzou que no mes de decembro teríamos un posicionamento do goberno ao respecto da depuradora, segue sen dar unha resposta. Hoxe, é cinco de febreiro e estamos agardando”.

gustín Hernández recordoulle a Martiño Noriega que “cobra por exercer de alcalde”, polo que lle esixe que informe canto antes da súa proposta. Ínstao a que, en lugar de repetir cada vez que é preguntado que é “un problema que lle preocupa e que ten mala solución, diga como vai resolver a principal cuestión que é facer a depuradora”.

“O que dita o sentido común é que o alcalde ten que ter unha opinión. Resulta incrible que pretenda que a oposición resolva un problema que é competencia do concello”, salientou Agustín Hernández, que se amosou fondamente preocupado pola actitude de Martiño Noriega, “de perfil e cómodo na indefinición”. “Non só ten que dicir cal é a proposta de Compostela Aberta –salientou-, senón crela e defendela. É tremendamente irresponsable que leve ao pleno algo co que non está de acordo”. Para o portavoz popular, é inaudito que o rexedor, en lugar de resolver o problema, engada máis incerteza: “Primeiro, foi a ubicación; logo, o financiamento; e, agora, a tecnoloxía”.

Deja una Respuesta