20170914 SantiagoEnCamiño

Presentan ‘Santiago en Camiño’, unha publicación para “ter un contacto máis directo” cos veciños

gustín Hernández achegouse esta mañá ata o Mercado de Abastos para realizar o primeiro reparto do xornal ‘Santiago en Camiño’, unha publicación que os populares poñen en marcha para “ter un contacto máis directo coa xente”. É unha iniciativa que se enmarca dentro da campaña Conversas no Camiño e que nace como unha canle máis de comunicación e de encontro cos veciños: “O importante é coñecer a cidade e escoitar. Escoitar sen présas e con tranquilidade”.

Agustín Hernández explicou que se trata dunha iniciativa de proximidade, porque será a pé de rúa onde se desenvolva e porque o obxectivo non é outro que estar a carón das persoas. A publicación deste xornal é unha acción consensuada e coordinada co resto das sete grandes cidades –que tamén sacarán ás rúas o seu periódico-. Terá unha periodicidade trimestral.

‘Santiago en Camiño’ equilibra a acción propositiva coa acción de fiscalización e de denuncia ao Goberno local. Así, por unha banda, recóllense iniciativas presentadas ao longo destes máis de dous anos, así como tamén as demandas aportadas nos diferentes encontros de Conversas no Camiño; e, por outra, dáse traslado da “realidade negativa da cidade por culpa dun goberno que non está a altura do que Santiago necesita”.

Tres cifras: 19-21-27
Hai tres cifras que acompañan a ‘Santiago en Camiño’, que son o 19-21-27. O portavoz popular explicou o seu significado: “2019, por ser o ano das vindeiras eleccións municipais; 2021, por ser o próximo Ano Santo, que debe ser un referente e debe marcar un antes e un despois como o marcou no seu día o Xacobeo de 1993; e 2027, o seguinte Ano Santo, que ten que significar unha ratificación do fenómeno xacobeo que será imparable”. Agustín Hernández salientou que o que se pretende é “vincular este camiño co camiño da vida cotiá de Santiago”.

A Nave 5 do Mercado de Abastos
Tal e como explicou, o lugar elixido para o primeiro reparto, ao carón da Nave 5 do Mercado de Abastos, non foi casualidade: “A Nave 5 está funcionando de xeito parcial”. Neste senso, recordou a paralización ideolóxica que fixo Compostela Aberta ao proxecto impulsado, deseñado e preparado polo Partido Popular; a limitación na concorrencia aos postos, a tardanza para “encher a medias” a Nave 5 e a actual inseguridade xurídica.

Orzamentos Participativos
Por outra banda, o grupo popular cualifica de “moi reveladoras” as declaracións feitas pola concelleira de Facenda, María Rozas, ao respecto das irregularidades detectadas no proceso de Orzamentos Participativos. Neste senso, os populares indican que as súas palabras amosan “un recoñecemento expreso de que non existe o contrato específico de Protección de Datos, contrato sen o cal o tráfico de datos entre concello e dúas empresas prodúcese de forma ilícita e sen as debidas garantías”.
Os populares insisten en que a concelleira ten que aclarar se hai máis suplantacións de identidade que as dúas referidas na denuncia presentada por unha veciña e a raíz da cal a Axencia Española de Protección de Datos abriu unha investigación: “María Rozas non confirmou se todas as persoas que votaron desde unha mesma IP eran reais ou suplantadas”. E, tal e como inciden os populares, a concelleira non desmentiu que unha empresa privada se quedase cos datos dos veciños ao finalizar o traballo en 2016.

É por todo isto polo que os populares esixen que se garanta o dereito dos cidadáns a saber se as súas identidades foron suplantadas e se os seus datos atópanse agora en Portugal sen garantías de custodia e de retorno.

Deja una Respuesta