20170203_MTellado_Santiago_0003

Propoñen a elaboración dun plan de inspeccións para o control de actividades e aperturas

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, ofreceu, esta mañá, unha rolda de prensa para presentar unha proposición para que o Goberno local aborde de maneira urxente a elaboración dun plan periódico de inspeccións para o control posterior do inicio de actividades e apertura de establecementos mediante comunicación previa.

O acontecido recentemente cun local de hostalería nocturna da nosa cidade, que, a pesar de declarar unha posibilidade de aforo próxima ás cincocentas persoas, veu funcionando durante máis dun ano sen que se realizara ningunha inspección que verificase a adecuación á normativa de aplicación, pon de manifesto a necesidade de abordar de forma inmediata unha medida que facilite e faga efectivo ese labor de inspección. “Coñecemos que unha sala de concertos, que iniciou a súa actividade conforme a unha comunicación previa e que, polo tanto, debería ter sido inspeccionada polo concello para comprobar si a formulación do negocio se axustaba á normativa urbanística, non o foi ao longo de todo un ano”, explicou Sánchez-Brunete.

O control é fundamental para determinar se unha actividade se desenvolve conforme á lei e tamén o é en beneficio do interese xeral e dos propios profesionais co fin de evitar a competencia desleal: “Porque hai emprendedores que cumpren coa normativa, pero pode haber outros que non. A única maneira de evitar a competencia desleal é que se produza a actividade de control”.
O edil popular informou de que a normativa vixente recolle a posibilidade de axilizar a apertura de establecementos públicos coa presentación da correspondente documentación, entre ela, unha declaración da persoa titular da actividade ou establecemento, no seu caso, subscrita por un técnico competente, de que se cumpren todos os requisitos para o exercicio da actividade e de que o establecemento reúne as condicións de seguridade, salubridade e as demais previstas no plan urbanístico. “A partir do momento da entrega da documentación, a persoa interesada está en disposición de abrir o negocio e comezar a actividade e a Administración local é a responsable de determinar a adecuación da actividade ou do establecemento á comunicación previa presentada e con ese fin deberá realizar unha inspección posterior para verificar no propio local a adecuación das instalacións ao recollido na documentación que lle foi entregada”, explicou Sánchez-Brunete. “Desde o Grupo Popular –engadiu- entendemos que esa fase de control posterior resulta fundamental e debería ser obxecto dunha planificación periódica concreta”.

Acceso a documentación municipal
Por outra banda, Sánchez-Brunete lamentou que o Goberno de Compostela Aberta intente responsabilizar da mala xestión no referido á sala de concertos ao traballadores municipais: “O que se fai e o que non se fai nun departamento é responsabilidade última do concelleiro”. “Culpabilizar aos funcionarios –engadiu- é sacudir de forma covarde a responsabilidade propia dun edil”.

Do mesmo xeito, o concelleiro popular aclarou que todas as resolucións das diferentes concellerías están no departamento de Xunta de Goberno a disposición dos grupos da oposición: “Chama a atención que, tras case dous anos de goberno, Compostela Aberta se decate hoxe de como funciona a administración”.

Deja una Respuesta