IMG_0139

Propoñen a mellora do tránsito peonil entre o cemiterio de Boisaca co polígono do Tambre

O Grupo Municipal Popular presenta unha iniciativa no vindeiro pleno instando a Compostela Aberta a que leve a cabo unha actuación de mellora do tránsito peonil na vía que conecta o cemiterio de Boisaca coa glorieta da Vía Edison do polígono do Tambre. Neste senso, os populares poñen de manifesto a necesidade de que se priorice unha solución para a auga que encora nunha das retortas que se forma no seu trazado (achéganse fotografías).

Tal e como explican, a comunicación entre o centro da cidade e o Polígono do Tambre mediante transporte público realízase de forma específica a través da liña P6 que sae da rúa da Rosa. Unha liña que trata de axustarse ás demandas de mobilidade das persoas que traballan nesa área con frecuencias variables. Como complemento desta liña principal, moitas persoas que precisan achegarse ao Polígono do Tambre ou aos seus arredores veñen empregando con frecuencia a liña 1, que conecta o Hospital Clínico co cemiterio de Boisaca. Esta mesma liña do cemiterio tamén a empregan moitas persoas para dirixirse ao tanatorio, posto que a pesar de que esta instalación conta co servizo dunha liña propia
-a liña 8 que conecta con Vidán-, as frecuencias non baixan da media hora.

Esa gran demanda que rexistra a liña 1 de Boisaca fai que moitas persoas usuarias teñan que percorrer a pé a vía asfaltada que bordea o cemiterio polo norte e que se dirixe cara á glorieta da vía Edision, nas proximidades da sede da Asociación de Empresarios do Tambre. Esa vía presenta dúas deficiencias importantes: por un lado a ausencia dunha beiravía cómoda por onde poidan transitar con certa seguridade os peóns; e, por outra, cando chove, nun dos marcados relanzos existentes do seu trazado encora moita auga, o que fai imposible vadear esa zona sen mollarse. É por iso que o Grupo Municipal Popular presentará un rogo no vindeiro pleno reclamando ao Goberno local unha actuación urxente para esta zona.

Deja una Respuesta