WhatsApp Image 2019-03-08 at 11.16.14

Reclama ao Goberno central a “inmediata licitación” do enlace Orbital

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, ofreceulle hoxe unha rolda de prensa na que lle esixe ao Goberno central que proceda á “inmediata licitación das obras de execución do enlace Orbital e do enlace na N-550 para a conexión da AP-9, A-54 e as áreas empresariais do Tambre, Costa Vella e A Sionlla en Santiago”, posto que “conta co orzamento necesario para poder facelo”.

 

Hernández anunciou que o seu grupo levará ao vindeiro Pleno unha proposición neste sentido, posto que xa existe un proxecto construtivo, que foi aprobado o 20 de decembro de 2017 e cuxo procedemento expropiatorio, para os terreos afectados, iniciouse o 22 de febreiro de 2018.

 

Agustín Hernández tamén insistiu en que o Goberno de Pedro Sánchez ten a obriga de levar a cabo, coa maior dilixencia posible, o remate do proxecto do “enlace da N-550, punto quilométrico.56,2, co Orbital de Santiago de Compostela para a inmediata licitación da obra”.

 

O Popular subliñou que “un Executivo que manifestou, reiteradas veces que ía seguir gobernando ata o día das eleccións, non debería ter problema para continuar cun proxecto que é imprescindible para a capital de Galicia”, sobre todo, tendo en conta que, tras o rexeitamento maioritario no Congreso dos Deputados do proxecto dos orzamentos do Estado 2019 presentados polo Goberno socialista, neste momento están prorrogadas as contas do 2018 que foran elaboradas polo Goberno do Partido Popular e aprobados polas Cortes Xerais.

 

Cabe destacar que nos orzamentos aprobados polo Executivo do Partido Popular, xa se tiñan reservados 8 millóns de euros, que equivalen a máis de un terzo da cantidade estimada para o conxunto desta obra.

 

Como destacou Hernández, os orzamentos do Estado que presentaba Pedro Sánchez, entre outras importantes diminucións e esquecementos, “non contemplaban nin un so euro para unha obra tan crucial para a nosa cidade como é o Enlace Orbital, que significará a conexión das grandes áreas empresariais coas principais vías de alta capacidade”. As contas de Sánchez significaron un amplo rexeitamento social, xa que non achegaban solucións para as ansiadas demandas.

 

“Neste momento, subliñou Agustín Hernández, a nova situación abre unha posibilidade para que o Goberno socialista poida asumir esta reivindicación sen maiores dilacións, procedendo a poñer en marcha de forma inmediata o procedemento de licitación desta obra, co fin de ir adiantando os trámites e permitir que o novo Goberno do Estado que saia das urnas do vindeiro 28 de abril culmine a adxudicación e a execución da obra”.

 

Danse as condicións

Polo tanto, remarcou o voceiro Popular, “tendo en conta que os orzamentos actualmente vixentes son os prorrogados do ano 2018, que se conta coa correspondente partida económica, que a obra do Enlace Orbital dispón do proxecto aprobado, co procedemento de expropiación dos terreos necesarios iniciado hai un ano, que a actitude do actual Goberno do Estado é a de manter a súa actividade executiva, mesmo con numerosos decretos de discutible urxencia, resultaría indiscutible a plena aceptación dunha obra que foi reiteradamente esixida, de forma unánime, nos últimos tempos, tanto polo conxunto da Corporación como pola totalidade das entidades e asociacións empresariais actuantes no noso Concello”.

 

Na mesma liña, remarcou Hernández, sería conveniente que se abordara como complemento e coa maior axilidade o “enlace da N-550, p.k.56,2, co orbital de Santiago”, proxecto que unicamente contaba cunha anualidade de 100.000 euros (dun total de 7,5 millóns) consignados no rexeitado proxecto de orzamentos para 2019.

 

O voceiro Popular aclarou que esta actuación, sobre a N-550, resulta imprescindible para darlle continuidade ao enlace construído no seu día pola Xunta de Galicia pola área norte do polígono da Sionlla. Conectaríase así a estrada Santiago-A Coruña á altura da recta de Formarís, por unha parte, co enlace orbital entre a AP-9 e a A-54; e pola outra, a través do acceso ao polígono do Tambre, coa nova variante de Aradas que xa ten executado o Goberno galego.

 

Finalmente, cómpre ter presente que, na actualidade, o Ministerio de Fomento está a ultimar a redacción do proxecto de trazado para este enlace coa N-550, mentres o Concello ten feito pública a súa disposición a achegar os terreos necesarios para a súa execución.

Deja una Respuesta