IMG_4020

Reclama un plan de seguridade en Teo ante os novos roubos en San Sadurniño

A seguridade é outra das grandes asignaturas pendentes do bipartito. Tras dous roubos recentes na urbanización de San Sadurniño e varios intentos noutras vivendas, os populares instan novamente a creación dun plan de seguridade ante a pasividade do bipartito, seis meses despois de que acontecese a queima de coches nos Tilos e logo doutros sucesos similares en distintas zonas do concello.

A veciñanza de San Sadurniño amosa grande preocupación e mesmo baralla a posibilidade de contratar seguridade privada, segundo lle deron a coñecer ao grupo popular. Logo dos roubos consumados en dous fogares dun xeito continuado e varias evidencias de intentos noutras vivendas da zona, a veciñanza reclama maior vixilancia ante o temor a novas actuacións. "Das vivendas unifamiliares, pasaron aos adosados, pronto chegarán aos pisos. Incluso en casas con alarmas", subliña un veciño. Segundo informan, os roubos prodúcense con "grandes destrozos".

Para o voceiro popular teense, este feito constata a ineficacia do goberno local tralos gravísimos sucesos acontecidos hai medio ano nos Tilos. Naquel momento, José Manuel Guerra advertira que a reacción da Alcaldía ante os importantes problemas de seguridade estaba a ser moi feble evidenciando unha total falla de prevención e de planificación. "Agora, lamentablemente, os feitos danlle a razón a todas aquelas persoas que pensaban que o único que facía era esperar a que se apaciguasen os ánimos", explica.

Esta sucesión de incidentes con múltiples roubos en diferentes zonas do concello (Calo, Luou, zona baixa dos Tilos...) confirma que a seguridade non é unha prioridade do executivo local. Neste contexto, Guerra reitera a trascendencia da elaboración dun ambicioso plan de seguridade que afecte a todo o concello e considera que desde o bipartito xa se perdeu unha oportunidade de ouro para inicialo de forma inmediata hai medio ano. "Un plan de seguridade sempre suma, nunca resta. Que cousa máis importante pode haber que entreteña ao bipartito?", reflexiona o voceiro popular, que reitera, asemade, a necesidade de cumprir coa obrigatoriedade de convocar semestralmente a Xunta Local de Seguridade.

Seguridade privada
Ante a posibilidade que baralla a veciñanza de contratar seguridade privada nas súas rúas, para os populares resulta "ferinte" que un concello gobernado polas Mareas, ás que se lle "enche a boca de reclamar polo público”, logo provoque que a veciñanza se vexa obrigada a pensar en solucións que pasan por alternativas privadas.

Deja una Respuesta