IMG_1139 (1)

Reclaman a baixa da taxa de lixo en Teo polo mal funcionamento do servicio

O grupo municipal popular vai presentar unha moción no vindeiro Pleno para que o Concello faga cumprir á entidade xestora da recollida do lixo os compromisos adquiridos, normalizando o servizo conforme está establecido, e diminúa a taxa de lixo á veciñanza afectada, en tanto a frecuencia non estea normalizada.

Esta moción está fundamentada na falta de regularidade na frecuencia da recollida de lixo establecida, denunciada polo grupo popular dende o inicio desta lexislatura. A primeira queixa estivo provocada pola suba indiscriminada que sufriron algúns veciños de diferentes lugares de Calo que, mentres os seus recibos subían de taxa, non aprezaban mellora no servizo nin cambio na frecuencia de recollida. A isto sumáronse queixas producidas ao longo do pasado ano en varias parroquias, segundo as cales os colectores de lixo non foran recollidos en períodos de case unha semana, en lugares nos que debería terse producido a diario, ou, cando menos, en días alternos.

En Teo hai establecidos dous niveis de taxas de lixo, en función da periodicidade do servizo; unha taxa de 47 euros para zonas rurais, con recollida en días alternos, e unha taxa de 68 euros, en zonas urbanas, con recollida diaria.

Tras un rogo efectuado á Alcaldía sobre este asunto, recoñeceuse en pleno que se estaban a producir certos desaxustes no servizo, o que supón admitir a inxustiza de que a veciñanza paga o 100% dun servizo que non recibe. Por iso, o PP reitera a necesidade de que as taxas se axusten ao servizo que realmente se está prestando, de xeito que se pague dacordo á frecuencia real de paso dos camións de recollida.

Deja una Respuesta