IMG_1174

Reclaman a convocatoria da Xunta Local de Seguridade para mellorar a prevención

O portavoz municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, solicítalle ao alcalde que proceda á convocatoria da Xunta Local de Seguridade para mellorar a prevención e a coordinación na toma de decisións, tanto no relativo á ameaza do terrorismo islámico como nos índices de infracción penais que se veñen rexistrando no ámbito municipal ao longo do ano.

Para o Partido Popular este órgano de coordinación operativa e informativa a nivel municipal no que están representados todas as forzas e corpos de seguridade, tanto as dependentes do Estado como da Comunidade Autónoma e da Corporación Local sería o instrumento axeitado para analizar, contrastar e decidir as distintas medidas a adoptar para incrementar os niveis de seguridade pública, con criterios de racionalidade, homoxeneidade, colaboración mutua e cooperación recíproca, tal e como recomenda o Goberno do Estado e como veñen facendo distintas cidades españolas. Evitaríase así a pasividade ou a toma de decisións precipitadas ou de dubidosa eficacia, achegando maiores garantías para unha actuación eficaz coa participación conxunta dos distintos actores e especialistas.

A oportunidade desta convocatoria vén motivada non só polo actual escenario de alerta pola ameaza do terrorismo yihadista, senón tamén polo incremento dos indicadores de criminalidade no ámbito municipal difundidos pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior. Segundo a estatística oficial no período acumulado de xaneiro a xuño de 2017 houbo un repunte da actividade delictiva no ámbito do Concello de Santiago en áreas tan sensibles como os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual (+142,9%), os roubos con forza en domicilios (56,4%) ou tráfico de drogas (+66,7%).

Para o Grupo Popular, todas estas cuestións deberían levar a unha atención especial por parte do Goberno municipal, promovendo un traballo conxunto e coordinado a través da Xunta Local de Seguridade, “o marco axeitado para actuar de forma reflexiva e efectiva”.

Deja una Respuesta