12 Rafael Rivadulla Varela (ARZUA) (2)

Reclaman a recuperación das infraestructuras na área recreativa de Portodemouros

O PP de Arzúa anima ao actual goberno municipal a que se poña mans á obra para recuperar a área recreativa de Portodemouros, tanto no que se refire ás infraestruturas como as actividades que alí se levaban a cabo.

Rafael Rivadulla, candidato do PP ás eleccións municipais en Arzúa, sinala que nos últimos días “os que foron responsables da paralización da actividade en Portodemouros reclamaron de distintas instancias a recuperación do entorno e instalacións, pero esquecen que eran eles os que gobernaban o concello fai 10 anos”. Entre 2003 e 2011, o goberno municipal do BNG, integrado, entre outros, polo alcalde Xaquín García Couso, irmán do actual concelleiro de CxG, Ignacio García Couso, o daquela concelleiro de Cultura, José Luis García, hoxe alcalde, e o concelleiro de Deportes, Xoán Xesús Carril, hoxe candidato do BNG ás eleccións municipais, tiveron entre mans un recurso que estaba en pleno rendemento e contaba cunhas instalacións moi completas que, se ben non eran a súa xestión directa, constituían un recurso de grande importancia para o concello do que deberían preocuparse en buscar unha solución.

Pola contra, no momento en que a actividade decaeu, tanto o entón alcalde, como os daquela concelleiros José Luis García e Xoan Xesús Carril permaneceron de brazos cruzados, escudándose en que non era da súa competencia. A Rafael Rivadulla resúltalle especialmente rechamante a actuación de Xoan Xesús Carril, “que non fixo gobernando o que esixe dende a oposición e botando en cara a responsabilidade ao Partido Popular”.

O Partido Popular de Arzúa, considera que o actual alcalde, ao igual que terían que ter feito Xaquín García ou Xoan Xesús Carril no seu momento, é recuperar a cesión dos terreos directamente ou a través da Deputación da Coruña e poñelas en valor. Neste sentido, os populares arzuáns propoñen un Plan Estratéxico no que interveñan, ademais do concello de Arzúa, os concellos ribeiráns de Santiso, Touro, Vila de Cruces, o cal posibilitaría poñer en marcha toda unha rede de recursos para facer de Portodemouros un polo de atracción cara ao interior de Galicia. “Arzúa conta con asociacións de turismo, pesca, caza, Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla-Tambre-Mandeo. O equipo de goberno debería apoiarse nas mesmas. Ademais deberían contar con aquelas entidades turísticas e deportivas que poidan opinar e axudar á recuperación activa da zona, coma Federacións Galegas de Pesca, Caza, Piragüismo, ou mesmo o Clúster de Turismo de Galicia”, sinalan.

Segundo Rafael Rivadulla “hai que lembrarlle ao alcalde que non debe esperar a que sexan outros os que movan o noso concello. O equipo de goberno é quen ten que atraer a empresas e iniciativas para a zona, mais alá de intentar obter fondos para a súa recuperación”.

 

 

 

Deja una Respuesta