IMG_0139

Reclaman a reposición da iluminación e a mellora de accesibilidade en Montero Ríos

O Grupo Municipal Popular presentará un rogo ao vindeiro pleno demandando a reposición da iluminación pública e a mellora da seguridade e accesibilidade na rúa Montero Ríos.

Os populares advirten de que, tras a paralización das obras polo Nadal, as condicións de seguridade desta rúa reducíronse notablemente, debido a que, por unha banda, as luminarias están apagadas e o subministro eléctrico cortado, sen preverse unha iluminación provisional; e, por outra, aos múltiples accesos mediante pasarelas, pranchas e amoreamento de materiais no contorno das obras. “A suma da falta de luz e os evidentes problemas de accesibilidade e seguridade na rúa ofrecen un escenario proclive para posibles caídas e lesións das moitas persoas que transitan a zona”, salienta o grupo popular.

Os populares esixen, tamén, que o Goberno de Compostela Aberta dea cumprida resposta a unha demanda formulada por boa parte dos residentes da avenida Quiroga Palacios, que reiteran unha vez máis a súa preocupación pola situación que se crea cando chove, por mor da terra dos alcorques que se estende e ensucia as zonas de tránsito, tanto peonil como de vehículos. “Non é unha iniciativa nova, xa que no mes de marzo presentaramos unha iniciativa para que o concello dotase de grava ou doutro material drenante nos alcorques na remodelada avenida Quiroga Palacios. Lamentablemente, nove meses despois, o concello non fixo absolutamente nada”, salientan.
Solicitude da ANPA do CEIP Raíña Fabiola
Do mesmo xeito, os populares trasladarán unha petición dos representantes da ANPA do CEIP Raíña Fabiola para que o Goberno local habilite, dentro da mellora integral do Parque de Galeras, unha área axeitada para a práctica de xogos tradicionais galegos, valorando a posibilidade de facelo dentro do acondicionamento do campo de chave, compatibilizando o seu uso e facilitando así o seu mantemento.

Xa no pleno de xullo, os populares solicitaron a mellora de seguridade e mantemento do parque infantil de Galeras, o acondicionamento do campo de chave próximo e o estudo da instalación dunha toma de auga, próxima á canle do regato para o lavado de bicicletas das persoas que acostuman practicar BTT na contorna do monte Pedroso. Instan ao concello a que, sen máis demora, cumpra co compromiso acadado e que incorpore dentro da mellora do Parque de Galeras a solicitude formulada pola ANPA do CEIP Raíña Fabiola.

Deja una Respuesta