20160208 Agustín Hernández

Reclaman recoñecer as actuacións realizadas polo Concello para atallar os vertidos incontrolados

O Grupo Municipal do Partido Popular reclámalle nunha pregunta ao Goberno local a relación “completa e detallada, citando lugares e datas” das accións acometidas para atallar os vertidos incontrolados no termo municipal. A petición xorde a raíz das declaracións realizadas polo concelleiro responsable na última sesión plenaria nas que afirmou que nos últimos seis meses se levaran a cabo un gran número actuacións en puntos de vertido incontrolado. Para o Grupo Popular esa información resulta incoherente coas opinións expresadas polo representante municipal, no senso de que non pagaba a pena eliminar os vertedoiros incontrolados, nin tomar medidas contra eles, porque sempre tenden a reproducirse. Os populares sinalan que con esa argumentación absurda tamén podería cuestionarse a
necesidade de limpar rúas e prazas.

Para o Grupo Popular, as actuacións citadas polo concelleiro de Medio Ambiente resultan aínda máis sorprendentes tendo en conta que ningunha delas se realizou en ningún dos moitos lugares citados nas súas iniciativas, cando son lugares de vertido continuo e constatado, e mesmo a entrada principal do vertedoiro clausurado de Aríns –cuxo peche foi forzado para acceder con vehículos- continua a día de hoxe aberta, a pesar de que esta situación fora advertida nunha iniciativa do PP hai máis de oito meses.

Ademais de tratar de confirmar as afirmación realizadas, o Grupo Popular pretende coñecer os criterios das actuacións realmente acometidas, os motivos polos que se ignoraron os lugares citados, as previsións para repoñer o peche no vertedoiro de Aríns e a
frecuencia con que se visita e comproba a situación desta instalación, así como as razóns polas que non se adoptan as medidas preventivas e disuasorias para loitar contra os vertidos incontrolados, medidas que foron acordadas de forma unánime hai meses no seo
da Corporación.

Pokesán
O Grupo Municipal Popular tamén rexistra unha pregunta dirixida a coñecer polo miúdo o proxecto Pokesán e a participación do Concello nesta iniciativa. Os populares demandan información sobre os criterios que avalan a consideración deste xogo para o “fomento do turismo familiar”, a participación do Concello no establecemento e supervisión das distintas localización xeográficas, o modo de contratación do proxecto e o seu custo. Tamén se interpela polas razóns de que o Concello participe de forma activa na promoción dunha iniciativa dunha empresa multinacional, a contrapartida que se recibe a cambio diso e se o Goberno realizou unha valoración, tanto da influencia deste tipo de xogos para a distracción das persoas usuarias, como das noticias que os relacionan con accidentes en diversos lugares do mundo.

Finalmente, os populares pregúntanlle ao Executivo local se considera que este tipo de proxectos son os prioritarios para unha axeitada promoción turística e cultural da cidade.

Deja una Respuesta