FOTO DAVID ENTREGA ESCRITO

Reclaman un plan de emerxencia para solucionar os problemas de abastacemento en zas

O grupo municipal do Partido Popular de Zas levará ao próximo pleno unha moción na que insta ao goberno local a poñer en marcha un plan de emerxencia que permita paliar os graves problemas que a seca está a causar nas parroquias de Brandomil, Brandoñas, Muíño, Loroño, Meanos, Santa Sía de Roma e San Adrián.

O portavoz popular, David Gómez, asegura que os problemas de abastecemento que sofren os veciños comezan a ser “preocupantes”, un feito que, segundo explicou, obrigou a moitos deles á construción de novos pozos.

“Zas é un municipio eminentemente agrícola e gandeiro e, por tanto, a falta de auga é un asunto moi delicado e que pode xerar moitos problemas aos veciños”, apuntou Goméz, quen urxiu ao Concello a que poña ao seu dispor unha liña de axudas para financiar a construción, mellora e acondicionamento dos pozos de auga.

Neste sentido, desde o Partido Popular de Zas fixeron fincapé tamén na “necesidade e a importancia” de crear un servizo municipal que permita atender todo o relativo aos problemas xerados pola seca, e que conte cun servizo telefónico de atención ao cidadán.

Mesmo trato para todos os veciños
Por parte, o portavoz popular aproveitou a ocasión para denunciar o “trato desigual” que o Concello de Zas proporciona aos veciños á hora de abastecer de auga ás parroquias do municipio.

“Chegáronnos queixas de moita xente asegurando que o executivo local non leva a cabo o abastecemento de auga de maneira xusta e equitativa entre os veciños”, indicou Gómez, quen asegurou que, de ser así, estariamos perante un feito “sumamente grave” tendo en conta que toda a xente ten “os mesmos dereitos”.

Por último, o popular anunciou tamén que aproveitará o pleno para trasladar ao alcalde, Manuel Muíño, que inclúa nos orzamentos unha partida que permita poñer en marcha accións que “garantan a subministración de auga aos veciños de Zas, que é a verdadeira obriga do Concello”.

Deja una Respuesta