Image-1

Reclaman unha nova escaleira para mellorar a accesibilidade do cemiterio de Villestro

O Grupo Municipal Popular reclama unha nova escaleira que comunique a parte antiga coa ampliación do cemiterio da parroquia compostelá de Villestro. Así mesmo, insisten na necesidade da execución dunha senda polo exterior do seu perímetro para mellorar a mobilidade dos usuarios.

O cemiterio esténdese en dous niveis, o segundo deles froito dunha ampliación realizada nos últimos anos, comunícase por unha escaleira de unión que supón un perigo para o tránsito das persoas, sobre todo, cando se celebran actos funerarios, por mor da estreiteza e irregularidade dos chanzos, así como pola ausencia de varandas de protección.

Despois de varias reunións con representantes da asociación veciñal “A Unión de Villestro”, o Grupo que dirixe Agustín Hernández observou que é imprescindible levar a cabo a substitución deste elemento que comunica a parte ampliada por unha nova, que ofreza maior comodidade e seguridade.

A asociación veciñal xa ten o permiso pertinente da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e trasladoulle ao Grupo Municipal Popular o prioritario desta actuación.

Estas accións deberían complementarse con outra sinxela actuación que mellore a accesibilidade entre a igrexa e o conxunto do cemiterio, consistente en adecuar o exterior que bordea o perímetro, construíndo unha senda para enlazar as cancelas laterais que comunican os dous planos do recinto co exterior, onde na actualidade medra a herba e onde non se dispón dun camiño transitable.

Por toda esta situación, o Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno un rogo, para que o Goberno de Compostela Aberta tome as medidas necesarias para arranxar esta situación.

A igrexa de Santa María de Villestro érguese sobre un outeiro desde onde se divisa un amplo val conformado polo regato de Roxos. O templo preside un fermoso conxunto coa fonte e a explanada norte, a antiga escola pública, a casa reitoral e, na parte frontal en un plano inferior o recinto do cemiterio, no que destaca un cruceiro e unha escaleira balaustrada que constitúe io nexo principal entre o adro e o camposanto.

Deja una Respuesta