Foto-Paseo centro de Ferrol

Rey Varela reclama un "goberno á galega" que non estea condicionado dende Madrid

Os candidatos ferroláns do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Jose Manuel Rey Varela e Miguel Tellado –números 4 e 6 da lista por esta circunscrición electoral, respectivamente- e vicesecretario xeral de Comunicación da formación a nivel nacional, Pablo Casado, dedicaron parte da mañá a conversar cos veciños e veciñas da Ferrol sobre o que se xoga Galicia nestas eleccións autonómicas durante o paseo que fixeron polas rúas do centro da cidade, dentro da campaña ao carón da xente que están a desenvolver os populares. “A xente ten cada vez máis claro que o vindeiro 25 de setembro soamente hai dúas opcións: ou apoia un goberno estable, fiable, solvente e cun proxecto de país encabezado por Alberto Núñez Feijóo ou, pola contra, Galicia atoparase cun goberno multipartito dirixido polas Mareas de Podemos do que soamente poderíase agardar que continúen coas liortas ás que xa nos teñen acostumados”, afirmou Rey Varela.

Neste sentido, Rey Varela mostrou o seu convencemento de que o 25-S as urnas darán unha ampla maioría a Alberto Núñez Feijóo para que “este país teña un goberno á galega, totalmente libre e independente; e que non estea suxeito nin dependa de negociacións postelectorais dirixidas dende Madrid por Pablo Iglesias e Pedro Sánchez”. “Así que neste país non precisamos de gobernos á valenciana, como algúns pretenden en Madrid facendo caso omiso do que dixeron dúas veces os cidadáns nas urnas, senón un goberno cen por cento galego con Feijóo ao fronte”, engadiu.

Por outra banda, o candidato ferrolán destacou o traballo da Xunta de Galicia, en coordinación co Goberno central, en dous eixes estratéxicos para o desenvolvemento económico e a creación de emprego nesta zona como son o sector naval, cos novos contratos en Navantia Ferrol e o regreso ao traballo da antiga Astano no ámbito da eólica mariña; e a actividade portuaria, co desbloqueo da conexión ferroviaria ao porto exterior. “Atrás quedou a mala experiencia que supuxeron para esta comarca os gobernos do PSOE en Madrid, que foron nefastos para os estaleiros da nosa ría, aos que durante anos deixaron sen novos contratos; e para o proxecto do tren á dársena de Caneliñas, que deixaron esquecido nun caixón”.

Ademais, Rey Varela lamentou o feito de que “haxa representantes e candidatos doutras forzas políticas que se comportan como se non quixeran que esta cidade e esta comarca sigan crecendo; e din non ao flotel, á eólica mariña ao trazado do tren ao porto exterior... Estou seguro que fronte aos do non, aos do catastrofismo, aos que nada lles vale e todo está mal; o vindeiro 25 de setembro serán moitas as persoas desta cidade e desta comarca que responderán cun Si a Feijóo, un Si a Galicia e un Si a Ferrol”.

CONSOLIDAR A RECUPERACIÓN ECONÓMICA

Nesta liña, Miguel Tellado sinalou que “hoxe a realidade de Galicia pouco se asemella á de fai catro anos e, aínda menos, á de oito anos atrás”, destacando que na actualidade a economía galega crece un 3,2%, máis que a de Alemaña ou a de Francia. Ao respecto, engadiu que “se de algo se lle pode responsabilizar a Feijóo é de sacar a Galicia da crise, e agora volve encabezar o proxecto do PPdeG co aval do feito e para consolidar a recuperación económica”. “Feijóo presentouse no 2009 para loitar contra a crise, no 2012 para iniciar a recuperación e hoxe para que Galicia non caia nunha crise política que acontecerá se este país cae en mans dun goberno multipartito”, concluíu.

Pola súa parte, Pablo Casado defendeu o proxecto de Alberto Núñez Feijóo e do seu equipo como o mellor para Galicia “fronte á liorta descomunal, insolidaria e perigosa dos que se chaman partidos do cambio, pero que alí onde levan gobernando apenas ano e medio se teñen xa convertido en gobernos do fracaso”. “As mareas igual que soben baixan e agora están baixando”, engadiu o responsable nacional do PP, quen ademais puxo como exemplo a pouca presenza e importancia que os deputados das Mareas teñen no grupo de Podemos en Madrid, “onde non pintan nada”.

Así mesmo, Pablo Casado puxo o goberno en Galicia de Núñez Feijóo como exemplo para o resto de comunidades de España porque “fixo políticas para mellora a vida da xente cunha aposta decidida polas políticas sociais e as persoas que máis o necesitan, situou a Galicia na senda do crecemento económico e a creación de emprego, e apostou por sectores estratéxicos como é o caso do naval para esta zona”. Pola contra, “o que ten Feijóo ao fronte é a nada máis a nada, que é igual a nada”, dixo.

ENCONTRO VECIÑAL EN FERROL VELLO

Pola tarde, o candidato ferrolán do PPdeG mantivo un encontro con veciños e veciñas de Ferrol Vello no que detallou, entre outros asuntos, as propostas en materia de rehabilitación que recolle Alberto Núñez Feijóo no seu programa de goberno para os vindeiros catro anos. Ao respecto indicou que “facemos unha aposta clara pola rehabilitación porque a entendemos como unha maneira de dar resposta ás necesidades de vivenda que poidan existir ao mesmo tempo que é un factor chave para a dinamización da actividade económica, a creación de emprego e a revitalización de barrios como o de Ferrol Vello”.

Rey Varela apuntou que o programa de Feijóo mantén as axudas á rehabilitación e, ademais, contempla unha nova lei de cascos históricos para que sexa máis doado aos propietarios a recuperación dos seus inmobles, prestando atención á conservación dos valores patrimoniais e culturais pero sen rixideces que compliquen embarcarse nunha rehabilitación.

Así mesmo, outra das novas iniciativas das que se poderá beneficiar Ferrol Vello é o plan REXurbe: programa de intervención pública directa de rexeneración urbana para conseguir a recuperación de espazos urbanos degradados onde a iniciativa privada non realiza ningunha actuación. O candidato ferrolán explicou que a Xunta de Galicia prevé con esta medida a adquisición de edificios completos para a súa rehabilitación.

Deja una Respuesta