RAQUEL

Rodríguez, tras a marcha de Antelo do BNG: “O seu lugar é cos non adscritos”

A portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Vimianzo, Raquel Rodríguez, lembroulle hoxe ao alcalde, Manuel Antelo, que, tras anunciar nos últimos días a súa marcha do BNG, o rexedor deberá ocupar o grupo dos non adscritos dentro do goberno municipal.

Rodríguez, quen está segura de que o señor Antelo “coñece perfectamente, ou debería facelo, como alcalde que é”, o artigo 73.3 da Lei de Bases de Réxime Local, apuntou que os populares confían en que, “aínda que só sexa neste asunto, e non o tomaremos como precedente, o alcalde asuma as responsabilidades dos seus actos”.

Neste sentido, a portavoz do Partido Popular defendeu que “está moi ben iso de ir por libre”, en referencia á actitude mostrada nos últimos días por Antelo, pero subliñou que ese tipo de comportamentos teñen “unhas consecuencias que a lei deixa moi claras”.

Así mesmo, Rodríguez quixo matizar e deixar claro que ninguén da súa formación está a pedir que o rexedor dimita do seu cargo, pero si que tanto Antelo, como os outros sete concelleiros do BNG, ocupen, a partir de agora, o lugar que lles corresponde dentro da corporación.

Despedimentos no concello

Por outra banda, a portavoz dos populares fixo fincapé na “política de despedimentos” que puxo en marcha o alcalde desde que goberna en maioría dentro do concello e que afectou a unha psicóloga e a unha animadora deportiva.

Sobre este asunto, Rodríguez mostrouse “moi sorprendida” polas declaracións do rexedor nas que xustificaba o despedimento destas dúas traballadoras alegando que os contratos atopábanse nunha situación de “fraude de lei” desde hai moitos anos e que, ademais, non estaban a desenvolver as tarefas para as que foron contratadas.

É curioso que se decatase desta situación xusto agora, cando tivo tempo de facelo durante os últimos catro anos nos que tamén estivo gobernando”, indicou Rodríguez, quen defendeu que detrás de todo este asunto se esconde un “capricho do rexedor”.

 Ademais, a popular, que defendeu o labor destas dúas persoas, incidiu tamén en que o alcalde puxo en marcha unha campaña de “acoso e derribo” contras as traballadoras do servizo de axuda no fogar, ás que reduciulles moitas das súas prestacións.

Por último, a portavoz dos populares, que pediu a creación dunha comisión municipal para coñecer toda a información sobre os expedientes destes despedimentos, subliñou que os veciños de Vimianzo teñen dereito a coñecer “canto lle custará ás arcas municipais todos os preitos que iniciou o señor Antelo”.

 

Deja una Respuesta