IMG_0627

Rubén Suárez, “o cambio” que necesita Negreira fronte ao “fracasado proxecto” de Tuñas

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, foi claro ao presentar hoxe a Rubén Suárez como candidato á alcaldía de Negreira nas eleccións municipais que se celebrarán en maio e asegurando que o popular representa “o cambio, a renovación e a esperanza”que necesita o municipio fronte ao que cualificou de “fracasado proxecto”do alcalde Jorge Tuñas.

 

Tras felicitar aos integrantes da agrupación local do partido por conseguir unha formación “unida, forte e ilusionada”,Calvo mostrouse convencido de que Rubén Suárez será o próximo alcalde de Negreira grazas ao traballo de toda a familia popular. “Nada que mereza a pena faise restando. O que vale a pena alcánzase sumando, e en Negreira hai tempo que o estades facendo”,dixo.

 

O líder dos populares na provincia aproveitou para lembrar que aos veciños nicrarienses vailles “moito mellor cando goberna o PP”, e incidiu na idea de que o bo para o municipio é “ter unha xestión parecida á de Feijoo na Xunta e non unha como a de Pedro Sánchez en España”.

 

Neste sentido, Calvo incidiu en que votar a Jorge Tuñas é apoiar o “camiño fracasado”que, dixo, emprendeu Sánchez á beira dos separatistas e os populistas. “Darlle o voto ao PSOE en Negreira é estar de acordo con que os cartos dos orzamentos vaian a Cataluña e é estar conforme con que a política do noso país a marque Podemos, os independentistas cataláns e Bildu”, asegurou o popular, quen preguntou se alguén oíra ao rexedor mostrarse en contra dos Orzamentos Xerais do Estado que “marxinan”a Negreira, á provincia da Coruña e a Galicia.

 

Fronte a este panorama, Calvo defendeu o proxecto encabezado por Rubén Suárez, capacitado, dixo, para liderar un equipo “integrador, que sabe escoitar aos veciños e preparado para gobernar desde a sensatez, a coherencia e a responsabilidade”.

 

Un candidato na linea de saída

Pola súa banda, Rubén Suárez aproveitou a súa intervención para recalcar que “hoxe é un día importante para min, pero moito máis importante para todos como equipo”, e comparou a posta en marcha da súa candidatura cunha carreira. “Situámonos na liña de saída, agora toca coller rítmo para chegar a maio con toda a motivación do mundo porque estamos ante unha oportunidade única para Negreira”.

 

Ademais, o candidato popular subliñou que necesita o apoio de todos os populares para asumir o reto e conseguir que o municipio “cambie o rumbo e colla outro impulso”,para o que insistiu na necesidade de contar cun partido “que se achega máis á xente, que teña máis contacto cos veciños e que saiba escoitar as súas demandas”.

 

Deja una Respuesta