20160920 Fotografía Sánchez-Brunete

Sánchez-Brunete denuncia opacidade na adxudicación da Casa da Xuventude

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular, María Antón e Alejandro Sánchez-Brunete, achegáronse, esta mañá, ata a Casa da Xuventude para denunciar “a entrega opaca dun edificio municipal a mans privadas e descoñecidas”. Ante o inmoble pechado, os populares destacaron que “Compostela Aberta di que esta casa é un símbolo para eles. Evidentemente, é un símbolo do feísmo, da ilegalidade, da falta de transparencia, da arbitrariedade, da confusión e da indeterminación”.

Tal e como trasladou Sánchez-Brunete, o grupo popular púxose en contacto, esta mesma mañá, co concelleiro de Espazos Cidadáns para solicitarlle as chaves do edificio e poder realizar así unha visita ao interior da casa: “A contestación dada polo edil foi que non podía abrir a casa porque o concello non tiña as chaves. Quen as posúe, entón? Quen ostenta o control da Casa da Xuventude? En que condicións se pode utilizar?”. “En definitiva -engadiu Sánchez-Brunete-, a Casa da Xuventude, un edificio público, foi entregado a non sabemos quen”. Neste senso, salientou que todo apunta a que o edil de Espazos Cidadáns, que en pouco máis de quince días terá que declarar ante a Xustiza por un manexo irregular duns expedientes sancionadores, “volve incorrer nunha situación irregular ao que respecta ao incumprimento da Lei de Patrimonio das Administracións Públicas”.

Alejandro Sánchez-Brunete recordou que fai máis de seis meses -o 30 de xuño e o 19 de xullo-, o grupo popular presentou por rexistro unha batería de preguntas escritas para coñecer quen dispón das chaves da Casa da Xuventude e en que consiste o modelo de autoxestión que se está a desenvolver. A día de hoxe, tal e como indicou, esas preguntas aínda están sen responder, polo que considera que “Compostela Aberta ten algo que ocultar”.

O edil popular, que cualificou a situación do inmoble de “entrega clandestina”, insta a Compostela Aberta a que aclare que persoas físicas ou xurídicas dispoñen das chaves e en virtude de que título xurídico se lles cedeu o uso do inmoble: “Hai unha especie de clan que se apropiou da casa da Xuventude. Non sabemos se foi o J-Clan, o clan de Jorge Duarte; o B-Clan, o clan de Branca Novo Rei; ou o M-Clan, o clan de Martiño Noriega”. “Estamos ante unha especie de especulación inmobiliaria -continuou Sánchez-Brunete-, que consiste en restar utilidade pública a un edifico para entregarllo a un clan privado. É un turbio manexo patrimonial”.

Para o grupo popular, o Goberno local ten que transparentar o que acontece no interior da Casa da Xuventude, ao igual que garantir a igualdade de oportunidades no uso, a seguridade e a salubridade. “Este é o búnquer da hipocrisía de Compostela Aberta, porque quen afirmou durante tanto tempo a importancia do público, agora fai entrega dun ben público a unhas mans privadas”, sentenciou o edil, que advirte de que o actual Goberno local pode sentar un precedente de ocupación dos espazos dos edificios públicos por parte “de non sabemos quen e coa conivencia municipal”.

Deja una Respuesta