comarcal berganiños

“Sánchez dalle os cartos de Bergantiños aos separatistas para seguir na Moncloa”

O presidente do Partido Popular na provincia de Coruña,  Diego Calvo, acusou hoxe o goberno central de deixar sen partidas nos Orzamentos Xerais do Estado aos veciños da comarca de Bergantiños por culpa dos “favores que o PSOE ten que pagar para tentar que Pedro Sánchez poida seguir paseándose no Falcon como presidente do goberno”.

 

Nunha reunión de traballo mantida cos cabeza de lista dos concellos  de Cabana, Carballo, Coristanco, A Laracha Laxe, Malpica e Ponteceso, e acompañado polo vicesecretario xeral de Ordenación e Territorio da provincia e director de campaña, Evaristo Ben, Calvo subliñou a necesidade de que os candidatos populares sexan capaces de trasladar aos veciños a importancia de saber que cada voto que non vaia a parar á súa formación nas municipais que se celebrarán no mes de maio servirá para que a esquerda goberne nos municipios da comarca santiaguesa.

 

Neste sentido, o presidente popular incidiu en que nas eleccións municipais que se celebrarán en maio está en xogo que os concellos coruñeses teñan gobernos como o da Xunta, avalados, dixo, pola súa xestión e a súa seriedade, ou “experimentos”como o de Pedro Sánchez, “refén dos independentistas cataláns e vascos”,á fronte do goberno central, ou os das Mareas de Podemos, “incapaces de xestionar, paralizados e máis preocupados das súas leas internas que de solucionar os problemas dos veciños”.

 

“Temos un presidente do Goberno ao que non lle importa vender os valores que defendemos a maioría dos españois con tal de poder seguir un día máis subido ao Falcon”, censurou o popular, quen acusou aos socialistas de“esquecer e marxinar” á provincia da Coruña nos últimos orzamentos

 

“A xente ten que saber que ao señor Sánchez e ao PSOE esta comarca non lle interesa absolutamente nada. Eles están mais preocupados de seguir na súa cadeira de brazos que das necesidades que realmente existen nestes municipios”,dixo.

 

Evencio, un candidato temporal

Nesta liña, Calvo tamén aproveitou para cargar contra o BNG, máis preocupado, asegurou, de cerrar as listas que van compartir cos independentistas vascos e cataláns nos comicios europeos, e atacou ás Mareas de Podemos das que dixo que “cada vez é máis complicado saber onde están, quen son e que defende”debido á “loita de egos”que existe na formación.

 

Sobre o BNG, o líder dos populares na provincia volveu insistir no feito de que o candidato do BNG, Evencio Ferrero, non ten nos seus plans terminar a próxima lexislatura. Un feito que Calvo cualificou de “fundamental”á hora de que os veciños voten “porque poderían quedar cun rexedor que eles non escolleron”e, engadiu, porque “falamos dunha persoa que sabe que xa non ten máis nada que achegar a Carballo e por iso quere irse. No PP temos candidatos que se presentan para quedarse, non para marcharse”.

 

Fronte a este panorama, o líder provincial ofreceu a alternativa dun Partido Popular que “sempre estivo no mesmo sitio, sempre defendeu os mesmos valores e sempre tivo a mesma preocupación: servir aos veciños ofrecendo estabilidade, certeza e responsabilidade”.

 

“Nesta comarca sabemos a diferenza que existe entre ter un municipio gobernado polo Partido Popular como son Malpica, Cabana e A Laracha e un municipio no que gobernan outras formacións”,indicou Calvo, quen non dubidou en defender que, nos primeiros, a xente sabe o que pode esperar do seu alcalde, mentres que, no resto, é todo“improvisación, mala xestión e enfrontamentos internos”.

 

Unión e traballo

O presidente dos populares na provincia apelou á “unión”e ao “traballo”dos seus como receita para poder afrontar con garantías os próximos comicios locais nos que “nos xogamos moito como partido, pero, sobre todo, está en xogo o futuro e a estabilidade de cada un dos nosos municipios”.

 

A pouco máis de catro meses para a cita coas urnas, Calvo pediu aos candidatos populares da comarca que “boten o resto” e que saian á rúa. “Temos que estar orgullosos do que fixemos como partido. O mellor exemplo do que podemos ofrecer está no goberno da Xunta de Galicia”,dixo Calvo, quen lembrou o apoio “maioritario”recibido por Alberto Núñez Feijoo nas últimas autonómicas.

 

Por último, Calvo avanzou que o seu partido intensificará os encontros e as reunións con veciños, militantes e candidatos nas próximas semanas co obxectivo de preparar as eleccións municipais do mes de maio.

 

Deja una Respuesta