FOTO REUNIÓN

Sandra Vilela comprométese a mediar con Portos para reparar a lonxa de Muxía

A portavoz do Partido Popular de Muxía e candidata ás eleccións municipais que se celebrarán no mes de maio, Sandra Vilela, mantivo nos últimos días unha reunión de traballo cos representantes do Cabildo da Confraría de Muxía, na que se comprometeu a mediar con Portos de Galicia para conseguir que aprobe e que se poña en marcha un proxecto para reparar a lonxa do municipio se é elixida alcaldesa o 26 de maio.

 

No encontro, a candidata popular avanzou tamén a súa intención de conseguir un novo transformador para a fábrica de xeo, ademais de poñerse ao dispor do sector para traballar de maneira “conxunta” co obxectivo de desenvolver novos plans de explotación de recurso como o ourizo, a ameixa e o poliqueto.

 

“Somos conscientes de que as competencias sobre pesca non son responsabilidade directa dos concellos, pero os mandatarios locais temos que defender contra vento e marea todos os nosos sectores e servirlles de voz ante as administracións superiores”, afirmou Vilela, quen subliñou que ao alcalde “non se lle paga para que estea unhas horas no despacho, págaselle para que resolva os problemas dos veciños, aínda cando non son a súa competencia”.

A reunión serviu tamén para que a candidata recollese outras demandas realizadas por parte da Asociación de Mariscadores e para poñer sobre a mesa a “importante necesidade” que existe de promover desde o Concello de Muxía unha festa gastronómica que “poña en valor” o que cualificou como “os mellores percebes do mundo”.

 

Deja una Respuesta