FOTO CONGRESO LOCAL MUXÍA

Sandra Vilela, nova presidenta do PP de Muxía tras obter o 100% dos votos

O vicesecretario xeral de Organización do Partido Popular na provincia da Coruña e coordinador da campaña nas municipais do 2019, Evaristo Ben, mostrouse convencido de que a súa formación está “preparada e en boa disposición” para lograr facerse coa alcaldía do Concello de Muxía nos próximos comicios locais que terán lugar en xuño do próximo ano.

Durante o acto de clausura do Congreso Local de Partido Popular de Muxía celebrado esta mañá, no que Sandrá Vilela foi elixida presidenta co 100% dos votos emitidos, Ben encomiou o “gran traballo” realizado durante o último ano polos integrantes da xestora no municipio, un período no que demostraron a importancia de levar a cabo unha oposición “crítica, responsable e construtiva” co único obxectivo de mellorar a vida de todos os veciños.

Neste sentido, o director de campaña indicou que todo o realizado ata o momento serviu para “unificar, fortalecer e preparar” a súa formación para, a partir de agora, e unha vez celebrado o Congreso Local, centrar os esforzos en conformar un equipo “ilusionado, con ganas de traballar” e que faga ver aos veciños que o Partido Popular é a mellor opción para sacar a Muxía do “letargo social e económico” ao que o levou o actual goberno local.

“Non teño ningunha dúbida de que a nova directiva é consciente de que queda moito traballo por facer durante o próximo ano, pero tampouco teño ningunha dúbida de que eles son os que mellor saben todo o que hai que facer e os que máis ganas teñen de levalo a cabo. Así que, parabéns a todos e a traballar duro”, apuntou Ben.

A pé de rúa cos veciños
Pola súa banda, as primeiras palabras da nova presidenta local foron para agradecer a confianza de todos os militantes e para mostrar o seu agarimo aos integrantes da súa candidatura aos que animou a “seguir dando o callo como o fixemos ata agora” porque, na súa opinión, ese é o “único camiño para poder alcanzar os obxectivos que nos marcamos”.

Así mesmo, Vilela, que prometeu seguir traballando a pé de rúa á beira dos veciños, asegurou que a celebración do Congreso Local “pon as bases” para que o Partido Popular de Muxía volva ser unha referencia para todos os veciños, e comprometeuse a seguir realizando reunións e encontros con todas aquelas persoas que teñan un problema que solucionar ou, simplemente, queiran achegar algunha proposta á súa formación.

“Entendemos a política desde a proximidade e desde o contacto con toda a xente e creo que a única maneira de conseguilo é baixando á rúa e visitando todas e cada unha das parroquias como fixemos ata a data”, concluíu Vilela.

Deja una Respuesta