IMG_0139

O PP pide que Duarte aclare "en que mans" está a Casa da Xuventude

O Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, solicitou, esta mañá, a comparecencia no pleno do concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, para que informe da situación patrimonial da Casa da Xuventude, “un edificio do que non sabemos en que mans está”. “O prioritario
-engadiu- é coñecer quen controla o edificio e en que termos. Non se pode entregar o patrimonio público a calquera amigo, sen condicións de uso e de maneira opaca e clandestina”.

O concelleiro popular insta ao Goberno de Compostela Aberta a que faga público o expediente que formalice o uso e control do inmoble e a súa entrega a mans privadas. Tal e como salientou Sánchez-Brunete, o traballo dunha administración tense que realizar a través dun procedemento e formalizarse mediante un expediente, por ser ambos garantía de que a vontade da administración é racional, legal e transparente. “Non basta
-engadiu- cunha ocorrencia do concelleiro expresada verbalmente”.

“O concelleiro terá que declarar dentro duns días por un presunto delito de prevaricación (en relación a un presunto trato de favor a determinados locais de ocio nocturno da nosa cidade). Agora, ten que empezar a dar explicacións por unha administración turbia do patrimonio público. O seu desprezo pola lei é lamentable, pero a falta de control do alcalde aínda é máis lamentable”, lamentou.

Para o edil popular, todo apunta a que o concelleiro se encontra de novo “no precipicio da legalidade” e nos atopamos ante unha grave arbitrariedade na xestión do patrimonio público “ou ante unha innovación máis no proceso de duartización do Goberno municipal”, xa que, se primeiro se retiveron ou fixeron desaparecer determinados expedientes; agora, parece que a fórmula consiste en prescindir dos expedientes”. “Temémonos que pola vía de feito, sen procedemento nin expediente, se lle entregou un edificio a non sabemos quen”, advertiu.

Alejandro Sánchez-Brunete reiterou unha vez máis a falta de transparencia e a ocultación de información do Goberno de Compostela Aberta que, desde hai máis de seis meses, se nega a contestar á batería de preguntas escritas formuladas polo grupo popular. De aí o motivo desta solicitude de comparecencia: “Será revelador que Compostela Aberta diga a quen lle entregou e quen posúe agora as chaves do inmoble e que diga, tamén, en virtude de que título habilitante -autorización, concesión, contrato…- se fixo a entrega”. Outro dos aspectos aos que o edil prestou atención foi ás condicións de salubridade e seguridade do edificio e que grado de control e responsabilidade mantén o concello sobre a Casa da Xuventude.

Deja una Respuesta