paula prado con representantes pp de teo

Solicitan á Xunta o cumprimento do Plan de residuos da planta de residuos de Teo

O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que solicita que a Xunta que avalíe as circunstancias da solicitude de autorización ambiental integrada para a posta en marcha dunha planta de tratamento de residuos nunha antiga canteira en Casalonga, no concello coruñés de Teo, de xeito que se garanta a total legalidade do proxecto e o estrito cumprimento da lexislación vixente e o establecido no Plan de xestión de residuos industriais de Galicia.

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, reuníuse con responsables municipais do PP en Teo para analizar este proxecto para a posta en marcha dun centro de tratamento e reciclado de residuos neste concello, que está a provocar preocupación e malestar entre os veciños.

Paula Prado explicou que esta planta de residuos estaría situada a moi poucos metros de espazos de especial protección do patrimonio, como o Camiño de Santiago, os castros de Socastro e de Francos, petróglifos, mámoas e outros xacementos medievais.

“Pero, ademais, esta planta deberá cumprir o establecido na lexislación vixente e, máis en concreto, no Plan de xestión de residuos industriais de Galicia, que establece que estas instalacións deberán localizarse, preferentemente, en polígonos industriais ou en emprazamentos onde a actividade xere o menor impacto sobre a calidade do aire”, apuntou.

Por este motivo, Paula Prado informou aos representantes do PP de Teo da presentación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta para que garanta a legalidade e o cumprimento da lexislación desta planta de tratamento e reciclado de residuos. Para isto, a empresa promotora deberá obter os informes preceptivos de compatibilidade urbanística e dos órganos competentes en minas, augas ou patrimonio cultural e natural.

“Así mesmo, deberá xustificar a súa adecuación aos criterios de emprazamento recollidos no Plan de xestión de residuos industriais de Galicia e obter unha declaración de impacto ambiental favorable que garanta a súa compatibilidade co medio, tendo en conta que o proxecto emprázase fóra dun polígono industrial, respecta os usos existentes na contorna e a zona na que se prevé localizar está próxima a un núcleo de vivendas residenciais, así como do Camiño de Santiago e outros valores patrimoniais”, sinalou Paula Prado.

 

Deja una Respuesta