IMG_20160913_110453 (1)

Solicitan os "datos precisos" do programa social "Compostela Máis"

A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Corral, instou, esta mañá, ao Goberno de Compostela Aberta a que faga público datos “precisos e concretos” da execución do programa social Compostela Máis. Segundo os últimos datos publicados e referidos ao período que leva en vigor a ordenanza, “parece que non houbo concesión de rendas nin de axudas de ningún tipo”.

María Corral, que cualifica os datos aportados de “imprecisos e inconcretos”, solicita o número exacto de solicitudes, concesións, tipoloxía e importes, co obxecto de coñecer “cal é a axuda que chega á casa do beneficiario”. “Porque solicitudes e concesións non son o mesmo -engadiu a edil-. O éxito, evidentemente, está nas segundas e na resolución dos problemas de quen as solicita”.

Do mesmo xeito, a concelleira popular demandou a constitución con carácter inmediato da Comisión Mixta da Ordenanza de Garantía Básica Compostela Máis, prevista na propia ordenanza, “para poder analizar as causas do seu mal funcionamento”. Tal e como explicou María Corral, no documento que entrou en vigor o pasado mes de setembro, establecíanse que as reunións serían semestrais. “Está aprobada polo pleno desde hai sete meses e os resultados da execución ben merecen que se constitúa cantos antes e se sinale a primeira xuntanza á maior brevidade”, salientou a concelleira.

María Corral salientou que, á vista dos casos de vulnerabilidade existentes en Santiago, o medio cento de axudas sociais solicitadas -non concedidas- ata o momento é unha cifra baixa: “Se hai miles de persoas en situación de precariedade, tal e como asegurou meses atrás a concelleira de Políticas Sociais, e tan só se tramitaron 50 solicitudes, é evidente que o programa social Compostela Aberta non funciona”.

Neste senso, María Corral recordou que foi durante o goberno de Agustín Hernández, cando se aprobou -en marzo de 2015- un amplo conxunto de axudas que conformaron o Santiago Suma, un programa social innovador, completo e modelo doutros programas socias de Galicia: “Compostela Aberta non creou a renda social, porque xa estaba creada cando chegou. Parece que Compostela Aberta e renda social municipal son dous conceptos que van unidos e non é así: a renda social municipal naceu cun goberno do Partido Popular e así naceron tamén as axudas para pago de hipotecas e outras como medidas de loita contra os desafiuzamentos”.

Tal e como lamentou a edil popular, a eficacia do Santiago Suma non chegou a valorarse, debido á reformulación estritamente ideolóxica á que foi sometida. O programa social do goberno popular foi modificado, malia ter demostrado que funcionaba mellor que o de Compostela Aberta no mesmo tempo de vixencia.

Por todo o exposto, o grupo popular presentará unha moción no vindeiro pleno solicitando os datos concretos, co fin de estudar o problema de funcionamento de dito programa, así como coñecer as causas de por que non chega a tantas persoas como o precisan. Neste senso, María Corral recordou que nos orzamentos de 2016 figuraba unha partida de 1,2 millóns de euros para a execución do programa social que practicamente quedou intacta. “Sería bo que Compostela Aberta aclarase se o custe de confeccionar o programa -foi elaborado por unha asistencia técnica allea ao concello- e de difundilo é proporcional ao beneficio que reportou nos fogares de Santiago”, sentenciou.

Deja una Respuesta