da6bb2d0-7ae0-4ff8-b5d3-711ad34c8f8d

tacha ao alcalde de “incompetente” tras executar o 15,63% de orzamento en investimentos

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Zas, David Gómez, tachou hoxe ao alcalde, Manuel Muíño, de “incompetente” e de “vendedor de fume” despois de que o executivo local recoñecese que só executara no último exercicio un 15,63% do orzamento total destinado a investimentos.

 

O popular, que cualificou a porcentaxe dunha “falta de respecto total” aos veciños, subliñou que a cifra vén confirmar o denunciado pola súa formación cando o goberno local presentou as contas para este ano. “Dixemos no seu momento que se trataba dun orzamento inflado, irreal e que incluía actuacións que non se ían a facer. Meses despois, hoxe, por desgraza para os veciños de Zas, confírmanse os nosos temores”, apuntou Gómez.

 

Nesta mesma liña, o responsable dos populares no municipio fixo fincapé en que a falta de execución por parte do executivo local privou á xente de “importantes e necesarias” actuacións no Concello. “Estou seguro de que calquera veciño lle daría moitas ideas de en que investir todo o diñeiro que deixou sen gastar o alcalde”, apuntou Gómez, quen, ante esta baixa execución orzamentaria, esixiu ao señor Muíño que, polo menos, baixe os impostos municipais.

 

“Desde o Partido Popular entendemos que si o Concello non gasta o diñeiro dos nosos impostos en mellorar os servizos e as infraestruturas, que polo menos nos evite algunha das taxas que temos que pagar”, indicou Gómez, quen defendeu que, do contrario, a sensación que terán moitos veciños será a de que o goberno local “financia a subida de soldo do alcalde co diñeiro que debería ir para obras”.

 

Remanente con trampas

Así mesmo, Gómez criticou tamén que o señor Muíño “saque peito” do remanente de tesourería reflectido nas contas municipais. Unha partida que, para o popular, é o fiel reflexo da “ineficacia” dun executivo local que “presume dunha boa xestión que non é máis que o resultado de non facer absolutamente nada”.

 

“Si cobras os impostos pero non os gastas en nada, o grave sería que non se xerasen aforros, iso xa sería o colmo”, dixo Gómez, quen urxiu ao rexedor a que se “poña as pilas” e a que deixe de culpar a outras administracións da súa “incapacidade” para xestionar o municipio.

 

Campo de fútbol de Zas

Por último, o portavoz dos populares aproveitou tamén para criticar a xestión do goberno municipal respecto das obras de mellora do campo de fútbol de Zas, actuación que segue sen levarse a cabo debido aos problemas administrativos á hora de licitala.

 

“Empezou a liga e seguimos igual que cando acabou. É unha mágoa que noutros concellos como A Laracha sexan capaces de terminar a mesma actuación nos meses de verán e aquí o alcalde continúa ofrecendo escusas de mal pagador”, concluíu Gómez.

Deja una Respuesta