B30C6F1

Tachan de “demagogo” ao rexedor de Mazaricos por presumir dun aforro que non é real

O grupo municipal do Partido Popular de Mazaricos, encabezado polo seu portavoz, Nicolás Martínez, tachou hoxe ao rexedor, Juan José Blanco, de “demagogo” por presumir dun aforro nas contas municipais que non é real.

En concreto, o popular acusou ao alcalde de “faltar á realidade” cando se refire ao actual mandato como a lexislatura do aforro en soldos municipais.

Neste sentido, Martínez apuntou que o rexedor “saca peito” porque o tenente alcalde non ten soldo, e “presume” de que os seus concelleiros non cobran –xa non o facían na anterior lexislatura- pero, na súa opinión, o rexedor “esquece” os cargos que os seus compañeiros de partido fan ás contas municipais en calidade de autónomos.

“Do que non di nada o alcalde é dos case 3.000 euros que practicamente todos os meses facturan ao Concello dúas compañeiras de partido en concepto de reportaxes gráficas ou de organización de eventos”, denunciou Martínez, quen defendeu que, con estas cantidades “vaise pola borda” todo o suposto aforro que se xerou nas arcas municipais coa redución de soldos.

40.000 euros para redes sociais
Así mesmo, os populares denunciaron tamén o “malgaste” que supón o contrato por dous anos que o Concello de Mazaricos aprobou no seu día para a xestión e mantemento das redes sociais municipais.

“Parécenos unha barbaridade que un municipio como o noso destine 40.000 euros a este capítulo cando, ademais, o propio alcalde afirmou que a empresa non realiza o seu labor de forma adecuada”, apuntou Martínez, quen defendeu que no concello hai traballadores que poden levar a cabo esta tarefa.

Noutra orde de cousas, o grupo popular aproveitou o último pleno para instar ao goberno municipal a que negocie coa Xunta a posibilidade de recuperar as liñas de bus perdidas no seu momento.

“Hai concellos que lograron ter máis liñas, pero para iso é necesario que o alcalde negocie co executivo autonómico aínda que non sexa do seu partido e deixe de culpar sempre a terceiras persoas dos seus fracasos na xestión municipal”, indicou Martínez.

Por último, o portavoz popular afirmou descoñecer cal é a cantidade que o Concello de Mazaricos tivo que achegar para a organización da Semana Gandeira. Sobre este asunto, Martínez indicou que o “normal” é que, a maior achega dos colaboradores, menor investimento municipal.

“O alcalde presume de transparencia, pero cada vez que lle pedimos algún documento atopámonos con problemas”, apuntou Martínez, quen puxo o acento para xustificar esta falta de información sobre a organización da Semana Gandeira no feito de que sexa un familiar do alcalde o que presida a asociación que percibe as achegas tanto dos colaboradores como a do concello.

Deja una Respuesta