FOTO RUEDA DE PRENSA AURELIO NÚÑEZ

Tacha de “sectario” ao alcalde tras rexeitar as mocións da oposición

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Carballo, Aurelio Núñez, criticou duramente o comportamento do rexedor carballés, Evencio Ferrero, ao que tachou de “sectario”, despois de que o seu equipo de goberno rexeitase no último pleno as tres mocións presentadas de maneira conxunta polos grupos da oposición.

Para Núñez, esta é unha proba máis de que o BNG de Carballo “vive instalado na súa maioría absoluta” desde a que “despreza” calquera punto de vista ou proposta que lle poidan presentar o resto de formacións.

“Ao señor Ferreiro impórtalle pouco ou nada o que podamos dicir, pero debería ter en conta que estamos a falar en nome dos veciños de Carballo que, aínda que non voten ao BNG, tamén teñen dereito a ser escoitados”, dixo o popular, quen acusou ao rexedor de “gobernar só para os seus”.

Sobre este asunto, o portavoz dos populares subliñou que a súa formación leva tempo reclamando máis transparencia na xestión de goberno, e denunciou que non se fan públicos os decretos asinados polo alcalde nin se gravan os plenos municipais para que a xente os poida ver na web.

Mocións

En canto ás mocións presentadas pola oposición, o popular indicou que o BNG rexeitou a redacción dunha ordenanza municipal que regule a colocación de bolardos nas rúas peonís, despois do problema e das queixas veciñais polo caso da rúa Desiderio Varela.

Do mesmo xeito, Núñez acusou ao goberno local de non atender á petición de clarificar os criterios técnicos que aconsellan o estreitamento da rúa Vila de Negreira, e de non querer convocar a comisión de Urbanismo para explicar á oposición as modificacións levadas a cabo o Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Deja una Respuesta