20160920 Fotografía Sánchez-Brunete

Urxen a Compostela Aberta a que repoña o servizo de incineración no tanatorio municipal

Alejandro Sánchez-Brunete ofreceu, esta mañá, unha rolda de prensa para dar conta dunha moción de urxencia que o grupo popular presentou no pleno de onte para a reactivación do servizo de incineración no tanatorio municipal. O concelleiro popular informou de que, desde o pasado 13 de outubro, este servizo non se está a prestar, polo que urxe ao Goberno de Compostela Aberta a que sexa dilixente na procura dunha solución.

Isto supón que as familias afectadas teñen que trasladar, de maneira imprevista, ao familiar falecido a Pontevedra, Ferrol ou A Coruña, as cidades máis próximas que prestan o servizo. “Ademais do dano emocional, tamén lles xera un dano económico polo cobro do traslado a outras cidades que serven de alternativa ao tanatorio municipal”, subliña. Tal e como explicou Sánchez-Brunete, trátase dun “servizo básico” que ao non prestarse provoca “unha situación grave e moi delicada”, de aí o carácter urxente da moción para que o Goberno local actúe de maneira dilixente á hora de esixir á empresa que xestiona as instalacións unha resposta. A moción foi aprobada por unanimidade: “Agora toca que o goberno sexa coherente co que vota e respectuoso cos acordos plenarios”.

O concelleiro popular lamenta que desde o 28 de outubro, data na que o propio concelleiro Xan Duro recoñeceu ter constancia da avaría, o grupo de goberno non reaccionase para dar unha resposta rápida e precisa a este problema. “Chama a atención que o propio concelleiro recoñecese que non se pediran explicacións ata onte, coincidindo coa presentación da iniciativa do grupo popular”, salienta.

En primeiro lugar, o grupo popular insta a Compostela Aberta a que coa máxima dilixencia esixa á empresa as responsabilidades que lle correspondan. A primeira delas, evidentemente, a reactivación do servizo de incineración. Segundo as informacións das que dispón o grupo popular, é preciso adquirir un novo forno crematorio e de igual modo realizar unha obra nas instalacións. Solicita tamén, ante a necesidade de realizar algunha obra, o goberno local tramite con dilixencia as autorizacións e tramitación administrativas necesarias para a activación do servizo.

Considera prioritario coñecer o alcance da situación xerada, en canto a número de afectados e o prexuízo causado ás familias, así como a estudar as posibilidades de que as persoas afectadas obteñan un resarcimento económico polo incremento dos custes que lles supuxo o traslado a outras localidades.

Deja una Respuesta