CONGRESO LOCAL OROSO

Urxen ao Concello a terminar coas ratas no núcleo urbano de Sigüeiro

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Oroso, Alexander Doval, urxe ao goberno local a que tome medidas para poñer fin á presenza de ratas no núcleo urbano de Sigüeiro.

Tras recoller as queixas veciñais pola existencia dos roedores procedentes dos sumidoiros, os populares demandaron ao executivo local que poña en marcha unha campaña de desratización ante a situación de alarma que, segundo Doval, estendeuse entre a xente.

“A estas alturas da vida non se pode consentir que as ratas campen ás súas anchas. A súa presencia o único é mostra da falta de limpeza e de mantemento da rede de sumidoiros”, denunciou o portavoz dos populares, quen subliñou que os roedores poden ser “transmisores de enfermidades”.

Doval aproveitou a ocasión tamén para volver denunciar que, a pesar da campaña levada a cabo polo Concello de Oroso tras as denuncias dos populares, as beirarrúas do municipio seguen cheas de excrementos de cans que, ao seu xuízo, son un foco de infección para os transeúntes, ademais de causar moi mala imaxe para o municipio.

Plaquetas levantadas na rúa do Paseo de Carboeiro
Por outra banda, desde o Partido Popular de Oroso fixéronse eco das queixas dos veciños pola existencia de plaquetas levantadas na rúa do Paseo de Carboeiro, vía que da entrada á Alameda de Góis, zona verde máis importante do núcleo de Sigüeiro.

“Non se trata de algo puntual. Estamos a falar de que hai tempo que se están levantando as plaquetas sen que o Concello tome cartas no asunto”, indicou Doval, quen subliñou que o mal estado da rúa dificulta o tránsito de veciños e, sobre todo, o de carriños de bebés e de persoas que teñen algún problema de mobilidade.

Por último, os populares volveron criticar que o executivo local destine 21.600 euros dos orzamentos municipais para contratar o servizo dun gabinete de comunicación. “Non temos nada en contra de que o goberno local teña ese servizo, pero consideramos que é un gasto demasiado elevado para un municipio como Oroso, onde existen carencias máis importantes para os veciños”, concluíu Doval.

Deja una Respuesta