IMG_1842

En Santiso non recibiron o imposto de vehículos finalizado o prazo para o pago voluntario

A portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Santiso, Matilde Pallarés, denunciou hoxe que algúns veciños do municipio non recibiron aínda o imposto de vehículos e de lixo, a pesar de que a data para o pago voluntario destas taxas finalizou o pasado mércores.

Os populares critican a pasividade do goberno local, ao que acusan de “non mover nin un dedo”para conseguir que a Deputación da Coruña –responsable do envío destes impostos- fixese chegar os avisos en tempo e forma aos veciños.

“Estamos a falar dunha taxa que, aínda que non recibas a notificación, existe a obriga de pagala na data estipulada si non queres facelo con recarga”,apuntou a portavoz popular, quen lembrou que o prazo para o pago destes tributos abriuse o pasado 12 de marzo.

Neste sentido, desde o Partido Popular cualifican de “intolerable e inadmisible”que, dous meses despois de abrirse o prazo para poder facer efectivo o abono desta taxa, os veciños non teñan a notificación nos seus domicilios.

Unha solución para os veciños

Á marxe das responsabilidades, o que teñen claro desde o grupo popular de Santiso é que os veciños “non poden cargar coas consecuencias das malas prácticas de outros”.Por iso, solicitan que o executivo local inste á Deputación da Coruña a buscar unha solución para aquelas persoas que non poidan facer efectivo o pago destes impostos dentro do prazo voluntario.

“Sería inxusto que tivesen que pagar unha recarga por culpa de que, ou non lles chegou o recibo, ou o fixo case sen tempo para poder abonalo en prazo”, dixo Pallarés.

Bonificación do IBI

Por outra banda, os populares celebran que o goberno local aceptase a súa proposta de rebaixar nun 95% o Imposto de Bens e Inmobles ás construcións ligadas a explotacións agrogandeiras.

Cerrado este acordo, os populares aproveitaron o último pleno para demandar tamén que as asociacións sen ánimo de lucro queden exentas do pago das taxas pola licenza de obras, unha proposta aprobada co respaldo do BNG e o PSOE.

Non podemos entender que se lles faga pagar esta taxa a persoas que están, en moitos casos, realizando un labor que lle correspondería ao Concello”, concluíu a popular.

 

 

Deja una Respuesta