20170203_MTellado_Santiago_0003

Voto en contra dus orzamentos "decepcionantes" e "perxudicais" para Santiago

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, avanzou, en rolda de prensa, o voto en contra aos orzamentos para 2017, que se levarán mañá a pleno para a súa aprobación inicial: “Son unhas contas decepcionantes, escasas de ambición, carentes dunha liña programática e discrecionais. Son, en definitiva, uns orzamentos prexudiciais para a cidade”.

“As contas para o 2017 son unha gran decepción. Foron decepcionantes no proceso de elaboración e de participación; son decepcionantes na propia asignación de recursos e prioridades e aventuramos que serán decepcionantes no seu grao de execución, como xa foron os do ano pasado”, subliñou o portavoz popular. Neste senso, Agustín Hernández lamentou a redución, con respecto as contas aprobadas polo goberno popular en 2015 (similar en contía ao de 2017), de aspectos tan significativos como o investimento (un 15% menos), o apoio aos sectores produtivos -comercio, mercados, turismo, promoción económica…- (un 33% menos), a redución nos servizos públicos (900.000 euros menos) e en áreas de acción social.

Do mesmo xeito, o voceiro popular criticou o aumento da débeda, para a que as contas recollen cinco millóns de euros correspondentes por unha banda a unha operación de crédito de 3,6 millóns de euros e un préstamo do IDAE por un importe de 1,4 millóns. “Desde que chegou Compostela Aberta ao Goberno, o concello endebedouse en 13,2 millóns. De seguir a este ritmo, ao final de mandato, a xestión de Compostela Aberta resumirase en asinar créditos aos bancos por máis de 21 millóns de euros”. Nesta mesma liña, considera un conto o discurso do Goberno local con respecto á municipalización de servizos, xa que, tal e como puxo de manifesto Agustín Hernández, medra a privatización de servizos; así como tamén se incrementa o destinado a propaganda e ás subvencións nominativas.

A irrelevancia do Grupo Municipal Socialista
“Mañá imos asistir a unha consumación dun gran fraude político e unha estafa á cidadanía”, destacou Agustín Hernández. Neste senso, fixo fincapé na irrelevancia do grupo socialista, tanto na negociación das contas como na previsible aprobación dos orzamentos: “Que o PSdeG teña desde hai case un ano tres concelleiros e non catro é unha estafa, non só aos seus electores, senón a toda a cidade, porque votouse para ter unha Corporación de 25 concelleiros e non de 24”. “Desde o mes de maio -engadiu-, Martiño Noriega sabía da irrelevancia do Grupo Municipal Socialista para sacar adiante as contas do 2017”.

“E o que fixo o Bloque, ao longo dos derradeiros meses, foi un paripé, por visualizar unha teórica negociación complexa, coa inclusión de propostas aprobadas pola corporación nos diferentes plenos. Como se fora un logro a inclusión de acordos aprobados, algúns por unanimidade, senón que é unha obriga democrática”, salientou.

A aprobación das contas chega tarde

“Compostela Aberta volve dar mostras da súa preguiza para aprobar as contas do concello. Volve retrasar a aprobación inicial case tres meses máis tarde que o último orzamento aprobado polo Partido Popular. Esta tardanza suporá unha redución de posibilidades para a súa execución”, salientou Agustín Hernández.

Do mesmo xeito, lamentou a falta de transparencia e a ocultación da información por parte do Goberno local. “Son uns orzamentos opacos”, denunciou o portavoz popular, quen criticou que “Compostela Aberta retivo de forma premeditada e continuada durante meses a documentación necesaria para poder valorar o anteproxecto de orzamento”. Neste senso, recordou que o grupo popular recibiu o pasado un de febreiro a clasificación orgánica e detalladas dos gastos, o orzamento do Auditorio de Galicia, as bases de execución do orzamento e so informes económico financeiro e de intervención; unha documentación que levaba solicitando, de xeito verbal e tamén escrito, desde o mes de decembro. A menos de 24 horas da celebración do pleno, o grupo popular carece aínda dos datos da liquidación do derradeiro trimestre do orzamento de 2016.

Para finalizar, fixo tamén referencia á incapacidade do goberno para xestionar as contas, tal e como quedou retratada no nivel de execución do orzamento de 2016 a 30 de setembro, que non acadaba nin tan sequera o 50% do presuposto. “Estaba sen executar 19 dos 20 millóns que se recollían para investimento e chama a atención que un goberno que se considera social e inclusivo deixara tamén se utilizar 1,2 millóns de euros e non dera nin unha soa renda social do seu programa en todo o 2016”, sentenciou.

Deja una Respuesta