FOTO DAVID ENTREGA ESCRITO

Zas perde unha axuda de 17.000 euros para contratar a dous beneficiarios da Risga

O grupo municipal do Partido Popular de Zas, encabezado polo seu portavoz, David Gómez, denunciou hoxe que o Concello de Zas renunciou a unha subvención de máis de 17.000 euros da Xunta para a contratación de dous veciños que se atopan en situación de desemprego e cobrando a Renda de Integración Social (Risga).

En concreto, os populares criticaron que o executivo local renunciase a recibir esta axuda coa que o Concello podería contratar durante sete meses a dous dos cinco veciños que, nese momento, recibían o subsidio que ofrece o goberno autonómico.

“Só hai dúas explicacións, ou Muíño é un auténtico irresponsable ao que lle dá exactamente igual a delicada situación que atravesan estes veciños ou, pola contra, que o Concello de Zas vailles a ofrecer algún tipo de emprego”, apuntou Gómez, quen cualificou de “imperdoable” que o rexedor deixe pasar este tipo de axudas, e instou a que dea a cara diante dos afectados.

O portavoz dos populares aproveitou tamén para criticar ao alcalde, ao que cualificou de “cínico” polas súas últimas declaracións nas que acusaba á Xunta de Galicia de ser a responsable dos problemas na tramitación das peticións do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

“Visto o visto, igual o problema é que señor Muíño non solicita ben as axudas ou, directamente, como neste caso, que renuncia a elas sen ter en conta o moito que fan falta. Despois dirá que é a Xunta a culpable de todo como fai sempre”, dixo Gómez.

Axudas escolares
Por outra banda, desde o Partido Popular de Zas criticaron que o goberno local tramite “tarde, mal e arrastro”, as bolsas de axudas para os estudantes de Primaria, ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos e estudos de Grao Medio e Superior.

“Estamos a falar dun total de 30.000 euros que lle virían moi ben ás familias de Zas que teñen menos recursos para poder pagar a formación dos seus fillos. O que non é normal é sacalas a estas alturas do ano”, subliñou Gómez, quen, ademais, censurou que o concello só conceda castro días para presentar toda a documentación necesaria.

Sobre este punto, o popular explicou que o Boletín Oficial da Provincia anunciou este luns unha convocatoria que se cerra o día 12. “Cunha ponte polo medio e con toda a documentación que hai que presentar, dá a sensación de que o Concello busca que ninguén poida beneficiarse desta medida”, concluíu Gómez.

Deja una Respuesta