10eeacce-51f9-4415-9068-c66c39872b14

Zas perdeu 1.700 horas do SAF pese a ter 33 veciños en lista de espera

O candidato do Partido Popular de Zas, David Gómez, denunciou hoxe que o goberno local permitiu que os veciños do municipio perdan no último trimestre un total de 1.722 horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que financia a Xunta a través da Consellería de Política Social.

 

En total, explicou o popular, o Concello de Zas perdeu durante os meses de setembro, outubro e novembro deste ano unha partida de 16.703 euros, un feito que Goméz cualificou de “imperdoable”tendo en conta que hai 33 persoas en lista de espera para recibir un servizo “fundamental”para a calidade de vida destes veciños.

 

“Estaría ben que o señor Muíño lle explicase a esta xente que non teñen esta axuda porque o goberno local non é capaz de xestionar as horas que a Xunta financia -9,70 euros a hora- e pon ao dispor do concello”,apuntou Gómez, quen asegurou que ao rexedor “debería caerlle a cara de vergoña”cada vez que fale de políticas sociais.

 

“Unha persoa que non ten sensibilidade cun asunto tan importante está incapacitada como representante público”,apuntou Gómez, quen fixo fincapé en que os veciños están“cansados”de escoitar ao rexedor queixándose da Xunta de Galicia, pero o certo é que o goberno autonómico “cumpre fronte a un alcalde que non o fai”.

 

Máis de 45.000 euros perdidos en 2015

Os populares lembran que a súa formación leva moitos meses pedindo que se regularice esta situación, e aseguran que non se trata dun “feito puntual” de falta de xestión por parte do executivo local, senón que “chove sobre mollado”e é unha “mostra máis da incapacidade do alcalde”para estar á fronte do municipio.

 

Neste sentido, Goméz subliñou que no ano 2015 o Concello de Zas xa perdeu 45.213 euros polo mesmo motivo. “Queda claro que ao alcalde impórtalle pouco ou nada solucionar este problema. Tivo 3 anos para facelo, pero prefire seguir de paseo pola Deputación ou prometendo proxectos que nunca cumpre. Iso si, a culpa nunca é do alcalde e si de outros”,concluíu.

 

 

Deja una Respuesta