O PP de Padrón pide ao goberno local que garanta o mantemento da infraestrutura de augas pluviais e mova un poste que dificulta o tránsito de vehículos en Vilar, Extramundi

Os concelleiros do PP de Padrón, Ángel Rodríguez e Yesica Rosales, visitaron onte Vilar, en Extramundi, para comprobar se o Goberno municipal tomara as medidas oportunas para arranxar as deficiencias relacionadas co mantemento das infraestruturas de recollida de augas pluviais, que se levaron xa ao Pleno municipal sen que ata o de agora se arranxasen.

 

De feito, o grupo municipal do PP ten constancia de que, nalgún caso os propios veciños tiveron que adoitar medidas para poder circular polas pistas e que as bolsas de auga non chegaran as vivendas.

 

Na visita, os concelleiros constataron ademais que tampouco se atenderon as peticións do Partido Popular nas que se solicitaba ao goberno local a retirada dun poste no Vilar que dificulta o tránsito de vehículos no camiño, especialmente no caso de que fose precisa a circulación de vehículos de emerxencias. Tal e como indicou Ángel Rodríguez, “os propios veciños indicáronnos que se efectuou un retranqueo no muro que permitiría que dito poste se movese un metro, facilitando o paso de vehículos”. Sen embargo “desde o mes de setembro que realizamos este rogo, aínda non se efectuou dito cambio. Os veciños levan ano e medio agardando a que se mova o poste polo que volvemos a insistir ao goberno local para que actúe”.

 

Neste mesmo senso, Rodríguez recordou que tamén existe outro poste en mal estado que causa preocupación aos veciños de Extramundi de Arriba, dado que se atopa apoiado no peche dunha vivenda e, a pesar de que xa rompeu o pasado mes de outubro con motivo dos temporais, segue a estar no mesmo sitio sen que se tomen as medidas oportunas para a súa retirada.