O PP tacha de “escándalo” que o alcalde diga que á feira de Negreira quédelle “dúas primaveiras” e non “mova un dedo” para revitalizala

O grupo do Partido Popular no Concello de Negreira tachou hoxe a través do seu voceiro, Rubén Suárez, de “escándalo” que o alcalde, Manuel Ángel Leis, asegurase que á feira do municipio quédenlle “dúas primaveiras” despois de que os populares levasen a pleno unha pregunta na que instaban ao Goberno Local a que explicase se tiña programado poñer en marcha algunha medida para evitar a continúa “decadencia” na que se atopa a feira dominical que ten lugar no municipio nicrariense.

 

Lonxe de profundar sobre os motivos do declive na afluencia de xente e nos postos que se está producindo na feira, e as consecuencias negativas que todo isto xera no comercio local, o rexedor non dubidou en tachar de “demagoxia” que a oposición afirme que o feito de que a feira vaia a menos repercute directamente na actividade económica dos comercios de Negreira.

 

“Parécenos surrealista que o señor Leis non sexa capaz de ver o impacto directo que todo isto produce nun comercio local que ordena o seu horario de apertura en función da feira local dos domingos”, apuntou Suárez, quen lembrou que noutros municipios, a feira local actúa de factor dinamizador para atraer xente ao concello e, por tanto, os comercios locais tamén sacan rédito de toda esta actividade.

 

Neste sentido, os populares lamentan que, lonxe de poñer sobre a mesa medidas para frear esta situación e conseguir así que a feira de Negreira volva ser un “punto de referencia do comercio na comarca”, o rexedor a “dá por morta” e, dixo Suárez, non fará nada para evitalo.

 

“Os veciños de Negreira teñen que saber que o seu alcalde cree que a feira está condenada a desaparecer, que non pensa facer nada para evitalo e que, por tanto, o comercio local e a hostalaría quedarán sen un dos días que debería ser máis importantes para a súa actividade económica”, lamentou o popular.

 

Pedir desculpas

Suárez aproveitou tamén a ocasión para reclamar ao señor Lois que se retracte das súas declaracións e pida desculpas. “A afirmación de que á feira quédanlle dúas primaveiras é impropia dun alcalde. Cremos que os veciños de Negreira e a xente que se gaña a vida co seu comercio non se merece ese deixamento por parte do máximo responsable municipal”, indicou o popular.

 

Por último, e ante esta situación, desde o Partido Popular de Negreira avanzaron que, “lonxe de quedarse de brazos cruzados como fai o Goberno Local”, estudarán medidas para conseguir que a feira dominical recupere o púo económico e social que tivo anos atrás.