O PP reclama á Deputación que cumpra co compromiso adquirido no 2018 e constrúa a senda peonil na DP-7103 que une Porto do Son e Ribeira

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña reclamou ao Goberno provincial que cumpra co compromiso adquirido en maio do 2018 e constrúa a senda peonil que une os concellos de Porto do Son e Ribeira a través da DP-7103.

Aproveitando o pleno celebrado o pasado venres, o voceiro popular, Evaristo Ben, lembrou que o propio presidente provincial, Valentín González Formoso, reiterou, nunha reunión co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, o compromiso adquirido no seu día polo responsable de Vías e Obras da Deputación da Coruña para levar a cabo esta actuación.

“É unha senda de libro. Iso foi o que vostedes dixeron porque conecta concellos e vertebra núcleos de poboación”, indicou Ben, quen pediu ao Goberno provincial que ratifique o acordo e incidiu en que os técnicos do servizo e os asesores do departamento de Vías e Obras son os mesmos que hai agora.

Ben subliñou que, como consecuencia da palabra dada no seu día e crendo na vontade política do Goberno provincial, o Concello de Porto do Son fixo os seus deberes e cumpriu con todo o que se lle requiría entón. “A día de hoxe todos os terreos para executar esta senda están ao dispor da Deputación e, non só iso, senón que o propio concello redactou un proxecto desta senda”, apuntou o popular.

Por todo iso, Ben urxiu aos responsables provinciais a que “cumpran co seu compromiso” e leven a cabo canto antes unha actuación de vital importancia para os veciños daquela zona.