O PP de Padrón esíxelle ao alcalde que faga público o “suposto borrador” dos orzamentos enviado ao BNG

O voceiro do Partido Popular de Padrón, Ángel Rodríguez
Conde, replicou hoxe as últimas declaracións do alcalde, Anxo Rei, respecto da aprobación
dos orzamentos municipais para 2025 esixíndolle que faga público con urxencia o “suposto
borrador” do orzamento municipal para 2025 que recoñeceu enviar ata en tres ocasións ao
BNG, mentres que “nin se molestou en contactar co Partido Popular, que representa
practicamente á metade da veciñanza”.

Para Rodríguez Conde, esta forma de proceder é “unha nova mostra da soberbia de Anxo
Rei”, que, a pesar de gobernar en minoría e cun “evidente enfrontamento cos seus socios
de investidura”, está a “ningunear e desprezar á metade da poboación, mentres, pola contra,
trata de facerse a vítima dunha forma totalmente impostada”. “A súa estratexia vitimista está
baseada na fábula dun suposto acordo entre PP e BNG, que non cre nin el mesmo”, subliña
o voceiro popular.

“O alcalde xoga a enganar á veciñanza ao falar dunha pinza PP-BNG para dificultar a
aprobación dos orzamentos. A nós non nos chamou para sentarnos a falar nin nos enviou
ningún borrador dos orzamentos, un documento que ata o BNG, que apoiou a súa
investidura, rebaixa ao nivel dunha memoria bastante imprecisa e abstracta”, asegura.

Subida da taxa do lixo

O voceiro popular apremia ao alcalde a facer público esta mesma semana “ese suposto
borrador dos orzamentos remitido ao BNG” para coñecer “cales son os investimentos dos
que fala e cal vai ser a presión fiscal que terá que soportar a veciñanza”, xa que augura “un
importante incremento” da subida do lixo.

“Gobernar con transparencia non é pagar entrevistas de autobombo cos cartos públicos,
senón explicarlle aos veciños con claridade canto lle vai subir a taxa do lixo, canto van ter
que pagar e en que se van empregar os cartos que recada o concello”, afirma o voceiro
popular.