O PPdeG anima aos afectados polos incendios forestais a solicitar as axudas da Xunta para recuperar no posible todo o que perderon

Os deputados do Grupo Popular Ángel Rodríguez e Magdalena Pérez salientaron hoxe, nunha visita ao monte veciñal en man común Cruz de Avelá no concello de Dodro, a importancia dos traballos preventivos na loita contra os incendios forestais. Así mesmo, manifestaron que, unha vez superada a vaga de incendios forestais que sufriu a Comunidade galega no mes de agosto, “é o momento de que os afectados soliciten as axudas para recuperar no posible todo o que perderon, desde as propias vivendas ata explotacións agrarias e gandeiras ou negocios”.

 

Acompañados do membro da Xunta reitora da Comunidade de montes Cruz de Avelá, Pablo Rial, e de varios comuneiros, os deputados populares puxeron en valor os traballos preventivos na loita contra os incendios forestais, tanto na creación de áreas cortalumes como na introdución de gando que se encargue do control da biomasa vexetal.

 

17 OFICINAS DE INFORMACIÓN

 

“O Goberno galego é consciente da importancia destes traballos de prevención e mostra disto foron os arredor de 50 millóns de euros que destinou este ano para a realización de traballos de prevención de incendios forestais, o que representa un incremento do 35 por cento nos últimos dez anos.

 

Os deputados populares incidiron que “o Goberno galego estivo, está a estará ao carón dos afectados polos incendios, tanto no momento no que ardía o monte como agora poñendo á súa disposición un completo paquete de axudas que xa poden solicitar desde o pasado luns 1 de setembro”.

 

En concreto, os interesados teñen á súa disposición 17 oficinas de información distribuídas por toda Galicia nas que lles asesorarán e facilitarán a realización das solicitudes, así como o teléfono de información 012 onde poderán consultar calquera cuestión relacionada co procedemento de solicitude.

 

Estas axudas poderán destinarse tanto para a reconstrución das vivendas que sufriron danos a consecuencia dos incendios, como para a reposición do mobiliario ou os utensilios domésticos afectados. Ademais, hai achegas específicas para a reparación ou substitución de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións agrarias; a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou para as colmeas superviventes nas zonas afectadas, así como indemnizacións pola morte de gando ou abellas; ou a reparación dos danos causados en pistas forestais, captacións de auga, cerramentos, bebedoiros ou comedeiros.

 

“É o momento de valorar os danos e facer as correspondentes solicitudes de axuda, tendo presente o compromiso do Goberno galego de axilizar o máximo posible a súa tramitación para que os afectados polos incendios poidan recuperar, na medida do posible e no menor tempo posible, a súa normalidade”, sinalaron.