O alcalde do Concello de Outes, Francisco Calo, mantivo nos últimos días unha reunión de traballo co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na que o rexedor aproveitou para trasladar unha serie de necesidades que permitirían mellorar a atención sanitaria no municipio.
En concreto, Calo mostrou interese na cobertura dunha praza de atención primaria que na actualidade se atopa vacante. O conselleiro asegurou que non desaparecerá e que o Goberno Autonómico espera poder cubrila proximamente de forma estable.
Ademais, o conselleiro comprometeuse a valorar con ánimo construtivo as propostas de mellora da accesibilidade do centro de saúde solicitadas polo rexedor.
A última das peticións trasladadas polo alcalde de Outes tivo que ver coa posta en marcha no municipio do servizo de hospitalización a domicilio. Un demanda, dixo Calo, moi reclamada polos veciños e que, na súa opinión, melloraría a calidade asistencial no concello.
Calo aproveitou tamén a reunión para agradecer o compromiso que tanto a Xunta de Galicia como a Consellería de Sanidade manteñen co Concello de Outes en materia de colaboración e de investimento en proxectos de vital importancia para os veciños.