O PP DE ARZÚA ESIXE AO GOBERNO DE ESPAÑA QUE POÑA FIN Á INCERTEZA SOBRE A A-54 E FIXE DUNHA VEZ A DATA DEFINITIVA DA SÚA APERTURA

O Partido Popular de Arzúa reclama ao Goberno de España que deixe de adiar a finalización
da autovía A-54 e faga pública dunha vez por todas unha data definitiva para a posta en
servizo do tramo Melide-Arzúa, despois de acumular anos de incumprimentos e anuncios que
nunca chegaron a materializarse.
Durante a xornada de onte, os concelleiros do PP de Arzúa e do PP de Melide acompañaron
ás senadoras por A Coruña Rosa Gallego e Verónica Casal nunha visita ás obras para
comprobar sobre o terreo o estado real dunha infraestrutura considerada esencial para a
comarca.
Na visita puideron constatar que os traballos continúan sen que exista unha información clara
sobre a súa finalización, mentres miles de vehículos, incluído un importante volume de tráfico
pesado, seguen atravesando diariamente os núcleos urbanos de Arzúa e Melide.
Esta situación tradúcese en retencións, problemas de circulación, incremento do risco de
accidentes e numerosos atropelos rexistrados nas últimas semanas, circunstancias que
poderían mitigarse coa entrada en funcionamento dunha infraestrutura que leva anos sufrindo
continuos atrasos.
«Os veciños da nosa comarca xa non poden vivir pendentes de promesas que nunca se
cumpren. O que necesitamos son feitos, transparencia e unha data definitiva para a apertura
da A-54», sinala o portavoz popular, Rafael Rivadulla.
O PP de Arzúa destaca ademais o traballo desenvolvido polas senadoras Rosa Gallego e
Verónica Casal no Senado para esixir explicacións ao Executivo. En concreto, ambas
rexistraron unha pregunta escrita na que solicitan información detallada sobre o grao de
execución das obras, as incidencias producidas, as modificacións aprobadas, o incremento dos
custos e a data definitiva de posta en servizo do tramo Melide-Arzúa.
Así mesmo, presentaron unha moción na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do
Senado na que instan ao Goberno de España a facer público un calendario definitivo das
obras, remitir un informe completo sobre os sucesivos atrasos, explicar os incumprimentos dos
prazos comprometidos e adoptar todas as medidas necesarias para garantir que non se
produzan novas demoras.
«Non é aceptable que o Goberno siga ocultando información e cambiando continuamente os
prazos. Os cidadáns teñen dereito a coñecer cando rematará unha obra que condiciona o seu
día a día desde hai demasiado tempo», afirma Rivadulla.
O portavoz popular subliña que a conclusión da A-54 non é unha cuestión política, senón unha
necesidade para mellorar a seguridade viaria, reducir o tráfico que atravesa os centros
urbanos, favorecer a actividade económica e ofrecer á comarca unhas comunicacións acordes
coas súas necesidades.
«O Partido Popular seguirá defendendo os intereses de Arzúa en todas as institucións e
esixindo ao Goberno de España que cumpra dunha vez coa nosa comarca. Os veciños levan
demasiados anos esperando e merecen certezas, non máis escusas nin novos atrasos»,
conclúe Rafael Rivadulla.