A Comisión Organizadora traslada a Santiago o 17º Congreso do PPdeG

A Comisión pide que Pontevedra sexa a sede do seguinte gran acto que organice o partido unha vez que as restricións pola pandemia queden superadas

A Comisión Organizadora do 17º Congreso do PPdeG, tras as reunións do Comité Clínico de Galicia e do Consello Interterritorial de Saúde liderado pola ministra de Sanidade, ten decidido no día de hoxe trasladar a Santiago de Compostela a celebración do evento, unha vez coñecidas as restricións na cidade de Pontevedra froito da súa situación sanitaria. Pese a que a capital pontevedresa non está nunha situación preocupante, o feito de estar no nivel medio de alerta aconsella ao partido, por responsabilidade e prudencia, aprazar a celebración no municipio de actos políticos que impliquen unha mobilización de preto de 2.000 persoas.

A Comisión Organizadora escolle Santiago de Compostela, cunha incidencia acumulada menor cá de Pontevedra, en situación de risco baixo, e cunha capacidade loxística innegable para acoller un evento destas características cumprindo de xeito escrupuloso as medidas de distancia social sen renunciar a contar coa participación dos compromisarios do PPdeG.

As integrantes da Comisión non só agradecen a boa acollida que percibiron por parte dos diferentes sectores da cidade de Pontevedra cando foi anunciado que tería lugar alí a celebración do Congreso, senón que instan á nova dirección do PPdeG a que escolla a cidade do Lérez para celebrar o seguinte gran acto do partido unha vez que desaparezan as restricións sanitarias propias do coronavirus. Deste xeito, o partido poderá axudar a tirar do consumo na cidade nun momento máis axeitado que o actual.

As limitacións de aforo existentes para o Pavillón de Deportes de Pontevedra (cun aforo global de preto de 4.000 persoas sentadas en grada como di a na súa páxina web, pero que nestes momentos non permite máis de 750 entre grada e pista) non pode con este nivel de restricións albergar un Congreso como o previsto polo PPdeG, aínda que como partido optamos polo menor número posible de compromisarios permitidos polo regulamento (1.115).

O lugar escollido de xeito definitivo para a celebración do 17º Congreso será, polo tanto, o Multiusos Fontes dos Sar, en Santiago de Compostela.