A Valedora insta ao Concello de Narón a regular o uso das redes sociais e a web municipal para evitar “uso partidista e tendencioso da información”

A Valedora do Pobo vén de instar ao Concello de Narón a que elabore un regulamento para determinar as normas de xestión das redes sociais municipais e da páxina web do consistorio despois de que o Partido Popular denunciara, a través do seu portavoz, Germán Castrillón, o “uso partidista e tendencioso da información”.

Segundo o informe emitido desde a institución, o regulamento deberá ser aprobado polo pleno da corporación e terá como obxecto garantir que a información que se difunda por estes medios “será veraz, de servizo público e non un instrumento partidista que poida vulnerar os dereitos de participación política dos membros da corporación”.

A resposta da Valedora do Pobo é contundente respecto ao uso dos medios institucionais e financiados con cartos públicos, polo que insta ao Concello de Narón a “difundir informacións veraces e de servizo público dende o rigor e a neutralidade política”, evitando tamén “recorrer á crítica partidista e ao ensalzamento dos logros de xestión ou dos obxectivos acadados polas autoridades”.

Ocultar información aos veciños de Narón
Tras recibir o informe, o portavoz do Partido Popular, Germán Castrillón, agardou que o Concello “tome nota”, xa que “o noso grupo é a primeira forza da oposición e, como tal, debería ter acceso en igualdade de condicións á verdadeira divulgación das súas iniciativas e actividades”. Para Castrillón é “inaceptable” o trato que se fai ao Partido Popular desde as redes sociais municipais e mesmo desde a web, algo que considera que non se corresponde coa realidade e que o único que fan é “ocultar información importante para os veciños de Narón”.

“Sistematicamente vemos como se ignoran as nosas iniciativas por parte do goberno local, algo que non permite mostrar a pluralidade de ideas que existen na coporación”, explicou Castrillón para xustificar a súa denuncia ante a Valedora, cuxas recomendacións agarda que teñan en conta por parte do Concello.

“O informe é público e nel queda claro que o Concello de Narón non está actuando conforme a legalidade. Agardamos que tomen nota, que se poñan a traballar nun regulamento e que esta situación non se volva repetir”, concluíu o voceiro popular.