O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, criticou que os veciños do municipio non poidan beneficiarse do obradoiro de emprego posto en marcha pola Xunta de Galicia e dirixido a persoas desempregadas.
Con 384 persoas sen emprego no municipio –datos do pasado mes de agosto-, a loita contra o paro, apuntan os populares, debería ser unha das “prioridades” dun goberno local que “se permite o luxo de nin sequera solicitar obradoiros que o goberno autonómico pon ao dispor dos concellos”.
O obxectivo da iniciativa é que persoas desempregadas se formasen nun oficio mentres realizaban tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirían un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais son de 9 meses e os de garantía xuvenil de 12 meses.
Os participantes nos obradoiros duais poderían combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.
O obxectivo da iniciativa é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación. “Despois da pandemia que pasamos, este tipo de programas son fundamentais para que ninguén quede atrás por culpa da crise sanitaria, a mellor política social é o emprego”, explicou Doval.
Concedidos a todos os concellos
O portavoz popular aproveitou tamén para facer fincapé en que todos os concellos da provincia que solicitaron participar en estes obradoiros van ter a oportunidade de facelo, tendo en conta que desde a Xunta aprobáronse todas as demandas.
“O Goberno PSOE-BNG tennos a todos aburridos con que a Xunta discrimina a Oroso, cando a realidade e que estamos ante un pasotismo absoluto”, dixo Doval, que calificou de “imperdonable” a “desidia” mostrada polo executivo local.
Neste sentido, o portavoz dos populares lembra que outros municipios da comarca como Ordes, Mesía ou Frades si participarán nestes obradoiros.
Mancomunidade de Ordes
O portavoz popular agradeceu o traballo da Mancomunidade de Ordes, que sí xestionou un obradoiro conxunto dentro do Programa de Garantía Xuvenil para 16 alumnos, 5 deles de Oroso, nas especialidades de albanelería e carpintería por importe de 368.638´66 €, este último impartirase en Oroso.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742