Feijóo defende que é o momento de baixar impostos

O candidato á Presidencia do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou o proxecto da súa candidatura ao 17º Congreso autonómico na Xunta Directiva provincial do PP de Pontevedra, onde aseverou que é o momento de baixar impostos para impulsar a recuperación económica.

Alí salientou a proposta dos populares para actuar na meirande parte dos impostos: consolidando o IRPF como un dos máis baixos de España para a maioría das rendas de Galicia, revisando progresivamente o imposto de Patrimonio para adaptalo ao entorno dos países europeos, redobrando a aposta polo modelo de Impostos Cero no Rural e baixando o imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados.  “Esta será, despois da de 2016, a baixada de impostos máis grande que nunca fixo un Goberno autonómico en 40 anos”, subliñou.

Así mesmo, fixo fincapé en defender a autonomía tributaria de Galicia e o noso sistema de herdanzas en vida, do que se beneficiaron 160.000 persoas nos últimos cinco anos. Sobre isto, asegurou que non consentirá que o Executivo central trate a estes cidadáns como defraudadores, en referencia á intención do Goberno de penalizar unha figura que axudou a tantas familias.

Cómpre lembrar que a nosa Comunidade demostrou que é posible manter ao mesmo tempo o rigor ao cadrar as contas, a constante mellora dos servizos públicos e unha presión fiscal entre as máis baixas de España. Nese senso, Feijóo destacou que as rebaixas en impostos acometidas no último lustro permitiron aforrar aos galegos máis de 1.000 millóns de euros, sinalando que foron catro os colectivos prioritarios nos que se centrou esta baixada: menores de 36 anos, persoas con discapacidade, familias numerosas e habitantes do noso rural.

MÁIS EMPREGO

Durante o seu discurso, o candidato tamén recalcou que os populares seguirán traballando para crear e defender o emprego, engadindo que a súa formación é a dos traballadores, a dos autónomos e a das familias.

Pola contra, lamentou a postura dos outros partidos, que se opoñen a cada proxecto industrial para a nosa terra; que condenan a industrias, empresas e familias a ter un prezo da luz que lastra a súa competitividade; que cambian a lexislación laboral que nos sacou da última crise económica; e que queren botar a unha das principais industrias de Pontevedra e de Galicia, deixando na rúa a miles de traballadores de ENCE e sen ingresos ás 80.000 familias que venden madeira na Comunidade.

UNHA OPOSICIÓN QUE NON PENSA EN GALICIA

Máis polo miúdo, Feijóo cuestionou o modelo económico do Bloque, o do “non a todo”: a ENCE, ás enerxías renovables, aos proxectos transformadores que e agora tamén ao Xacobeo. Sobre isto, afeou que os nacionalistas iniciasen unha campaña en contra dunha das mellores oportunidades para reactivar a nosa economía e o noso turismo, pedíndolles que rachen dunha vez co independentismo e co radicalismo.

 De feito, cuestionou que, na súa carreira por imitar ao independentismo vasco e catalán, o Bloque queira importar á nosa Autonomía todo o peor do modelo de Junqueras e de Otegi, copiando a turismofobia, a fuga de empresas e as trabas ao investimento. De igual xeito, amosouse crítico cos socialistas galegos, que din si a todo o que faga Pedro Sánchez, aínda que sexa prexudicial para a Comunidade.