Germán Castrillón faise eco das queixas dos veciños de Narón pola “mala execucion” das obras de saneamento

O grupo do Partido Popular no Concello de Narón trasladou hoxe a través do seu portavoz, Germán Castrillón, as numerosas queixas dos veciños de Narón que denuncian a mala execución das obras de saneamento que se levan a cabo no municipio, en concreto, na zona do camiño do Lugar da Faísca.

 

Os populares recolleron o malestar de veciños que, coas obras finalizadas xa polo Goberno Local, empezan, explicou Castrillón, a sufrir situacións incómodas. “Estamos a falar dunha actuación de saneamento acabada hai mes e medio e que xa dá problemas”, dixo o portavoz, quen cualificou o feito de “auténtica chapuza”, toda vez o firme xa non está compacto co perigo que iso supón para os viandantes e os vehículos.

 

Para Castrillón, que reclamou a reparación deste lugar o pasado 10 de decembro, a mala organización e xestión á hora de levar a cabo estes proxectos está a provocar que algunhas das obras realizadas ao longo do municipio presenten deficiencias ao pouco de concluírse, un feito, dixo o popular, que obriga ao executivo local a ter que destinar partidas económicas novas para corrixir os erros.

 

A obrigación do Goberno Local é levar a cabo as actuacións e certificar que se fan seguindo os parámetros de calidade esixidos e contratados. Si non se cumpren, o concello debe pedir explicacións ás empresas que realizaron a obra”, indicou Castrillón, quen subliño que o que resulta “totalmente inconcibible” é a situación que viven na actualidade os veciños.