José Luis Martínez presidirá o PP de Ordes coa única “receita máxica de traballar, traballar e seguir traballando

“A única receita máxica que coñezo para seguir á fronte da alcaldía e para presidir o Partido Popular de Ordes é a de traballar, traballar e seguir traballando”. Esas foron as primeiras verbas pronunciadas por José Luis Martínez despois de que os afiliados apoiasen no congreso celebrado onte, e cun 97,72% dos votos, a súa candidatura para liderar a formación popular local.

Acompañado polo presidente provincial, Diego Calvo, por secretario xeral dos populares na provincia da Coruña, Evaristo Ben, e polo vicesecretario de organización, Gonzalo Trenor, Martínez agradeceu o respaldo recibido por todos os afiliados e incidiu na necesidade de seguir preto da xente e dos seus problemas para poder ofrecerlle as solucións que precisan.

“Estou aquí para ofrecer a miña man tendida e a miña escoita permanente para seguir afianzando e ampliando a nosa base social e electoral, dixo Martínez, que se comprometeu a buscar o ben común da xente sempre coa máxima honestidade no trato coas persoas e tamén na administración dos recursos públicos.

O reelexido presidente local aproveitou tamén a súa intervención para recordar todo o vivido ata chegar a alcaldía de Ordes e de cara ao futuro próximo na cita coas urnas municipais. “Non podemos dar nada por gañado, nin tampouco nada por perdido. Sabemolo ben os que participamos en primeira liña, na travesía do deserto que nos permitiu ser hoxe o que somos”, apuntou.

Neste eido, Martínez subliñou que “tanto antes como agora eu fun e son o alcalde de todos, os que nos votaron e tamén os que optaron por outras siglas. Aquí non sobra ninguén e todos somos moi necesarios para seguir adiante co noso proxecto”.

Un bo momento

Pola súa banda, Diego Calvo, comezou a súa intervención felicitando José Luis Martínez polo seu traballo e a todo o Partido Popular de Ordes por organizar un congreso que, segundo explicou, é o primeiro paso de cara a afrontar con garantías a cita do ano que vén coas urnas municipais.

Nesta liña, o presidente provincial aproveitou tamén para deterse no proceso de reorganización que sufriron os populares nos últimos meses coa chegada de Alberto Núñez Feijoo á presidencia nacional e o nomeamento de Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia.

“Moitos pensaron nos últimos días que eramos a nova UCD, que está crise acabaría connosco e xa o vistes, démoslle a volta ás enquisas e saímos desta situación moito máis reforzados, demostrando que somos a única alternativa posible ao despropósito de Goberno de Pedro Sánchez e, en Galicia, xa estamos listos para seguir traballando como ata o de agora”, afirmou Calvo.

Coa maquinaria popular a punto e reorganizada, o líder do PP na provincia da Coruña avanzou que “veñen bos momentos”, en referencia á forza que demostrou a súa formación para afrontar os retos dos próximos meses. “Estamos preparados en España, en Galicia e aquí, en Ordes, tamén, así que debemos aproveitar a situación”, dixo.

En clave local, Calvo resaltou a figura de José Luís Martínez e a xenerosidade mostrada polo rexedor para ser capaz de “unificar” a toda a familia do Partido Popular ao redor dun obxectivo común. “Hoxe podemos difrutar en Ordes dunha maioría absoluta clara grazas á unión que temos, ao traballo de José Luis e ao esforzo realizado para dar cabida ás distintas sensibilidades que hai na nosa formación”, dixo o popular,

O líder dos populares na provincia aproveitou a súa intervención tamén para poñer en valor o labor de alcaldes como José Luis Martínez á fronte de consistorios como o de Ordes nun momento tan complicado como foi o da pandemia provocada porla Covid.

“Todos sabemos que tiveste que renunciar a proxectos que tiñas para destinar os recursos a outras cousas. Por ese motivo, agora, José Luis, tócache seguir adiante coa humanización das rúas que xa fixeches, con ese apoio ao deporte base, co esforzo para manter a bandeira verde ou inaugurar o Centro Zendal”, concluíu Calvo.