María José Pose lidera un equipo “unido e preparado” para desenvolver un proxecto sólido cara o bo futuro de Santa Comba

María José Pose é desde onte a nova presidenta local do Partido Popular de Santa Comba despois de que a súa candidatura recibise o 100% dos votos no congreso local celebrado no municipio xalleiro.

Acompañada polo presidente provincial, Diego Calvo, por secretario xeral dos populares na provincia da Coruña, Evaristo Ben, e polo vicesecretario de organización, Gonzalo Trenor, Pose agradeceu o respaldo recibido de todos os afiliados e presentou un equipo “unido” e preparado para desenvolver un proxecto “sólido” á fronte do PP de Santa Comba.

“Necesítovos a todos e todos somos importantes. Temos por diante un reto moi bonito. Un reto que consiste en presentar un proxecto que logre o que todos queremos: que Santa Comba conte cun goberno local estable, tranquilo e centrado en mellorar a vida dos veciños do noso municipio”, apuntou a tamén alcaldesa xalleira.

A nova presidenta local aproveitou tamén a súa intervención para facer balance dos logros alcanzados durante o seu mandato á fronte do consistorio e puxo sobre a mesa os obxectivos que aínda quedan por lograr.

“Temos en marcha a ampliación do polígono industrial, a construción da residencia-centro de día e a mellora do saneamento das parroquias. Tres retos que queremos conseguir para seguir avanzando e mellorando o noso concello”, asegurou Pose, quen incidiu na “necesidade” de traballar “xuntos” para alcanzar “todo aquilo que nos propoñamos”.

Un bo momento
Pola súa banda, Diego Calvo, comezou a súa intervención felicitando a María José Pose pola súa nova presidencia, e a todo o Partido Popular de Santa Comba por organizar un congreso que, segundo explicou, é o primeiro paso de cara a afrontar con garantías a cita do ano que vén coas urnas municipais.

Nesta liña, o presidente provincial aproveitou tamén para deterse no proceso de reorganización que sufriron os populares nos últimos meses coa chegada de Alberto Núñez Feijoo á presidencia nacional e o nomeamento de Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia.

“Moitos pensaron nos últimos días que eramos a nova UCD, que está crise acabaría connosco e xa o vistes, démoslle a volta ás enquisas e saímos desta situación moito máis reforzados, demostrando que somos a única alternativa posible ao despropósito de Goberno de Pedro Sánchez e, en Galicia, xa estamos listos para seguir traballando como ata o de agora”, afirmou Calvo.

Coa maquinaria popular a punto e reorganizada, o líder do PP na provincia da Coruña avanzou que “veñen bos momentos”, en referencia á forza que demostrou a súa formación para afrontar os retos dos próximos meses. “Estamos preparados en España, en Galicia e aquí, en Santa Comba, tamén, así que debemos aproveitar a situación”, dixo.

En clave local, Calvo fixo fincapé na importancia de “sumar entre todos” para que, na súa opinión, os populares non teñan que volver quedar a poucos votos da maioría absoluta. “Esta nas vosas mans que en Santa Comba non se repitan situacións como as que vivimos nas últimas lexislaturas. Necesitamos máis unión que nunca, máis empeño que nunca e máis ilusión que nunca”, subliñou.

Por último, o presidente popular asegurou que a mellor carta de presentación do PP en Santa Comba atópase no traballo que María José Pose está a realizar á fronte do goberno local. “É importante o que estades a facer e tamén moi importante que a xente o saiba. Estou seguro de que, desta maneira, poderemos lograr a maioría que todos queremos”, co concluíu Calvo.